FERNÁNDEZ-TAPIAS PROPÓN AO ALCALDE DE VIGO REUNIÓNS TRIMESTRAIS ENTRE A XUNTA E O CONCELLO PARA ANALIZAR AS ACTUACIÓNS EN VIGO

|

  • A delegada territorial aprecia o xesto de Caballero na liña que defende o Executivo autonómico de establecer canles de comunicación entre ambas as administracións
  • Sinala que a colaboración é “a única vía para afrontar o futuro de Vigo cun diagnóstico certeiro e real das necesidades da cidade e da súa veciñanza “
  •  No que atinxe á hostalería, reivindicou o apoio da Xunta aos colectivos que máis están a sufrir a crise sanitaria e cifrou en 3,3 millóns as axudas directas concedidas..


20210119ReunionAlcaldeVigo



A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, propuxo hoxe ao alcalde vigués, Abel Caballero, a convocatoria de reunións trimestrais e incluso grupos de traballo entre ambas as administracións co obxectivo de analizar desde a colaboración institucional as decisións e as actuacións na cidade.

Así o asegurou Fernández-Tapìas tras manter unha reunión co rexedor e en presenza da tenente de alcalde María José Caride, na que abordaron algúns dos principais proxectos que o Goberno galego mantén en execución en Vigo e entre os que citou a Cidade da Xustiza, a Intermodal, a construción de 1.600 vivendas de promoción pública en Navia ou o Albergue de Peregrinos. Ao fío, recordoulle que a Xunta é a administración que máis inviste en Vigo.

Unha xuntanza que ambos coincidiron en enmarcar nun ambiente formal, no que acordaron intensificar as relacións entre a Xunta e o Concello, xa que, tal e como indicou Fernández-Tapias, a colaboración é “a única vía para afrontar o futuro de Vigo cun diagnóstico certeiro e real das necesidades da cidade e da súa veciñanza “.

Neste contexto, a representante do Executivo autonómico na cidade dixo apreciar o xesto de Caballero na liña que defende a Xunta de establecer canles de comunicación baixo o obxectivo común de defender os intereses de Vigo e da súa veciñanza. Confía Fernández-Tapias, e así o aseverou, que se manteña o clima de diálogo iniciado hoxe, en favor de chegar a acordos polo ben de Vigo en todos os casos que sexa posible con novos proxectos e inversións.

En canto aos grupos de traballo propostos, entende que son o contexto adecuado para poder debater ou abordar cuestións sobre as puideran existir discrepancias de criterio entre a Xunta e o Concello.

Xa por último, Fernández-Tapias reiterou ao alcalde a invitación a sumarse ao plan de cooperación covid-19 a proposta do propio sector da hostalería nun momento especialmente delicado no que a pandemia, seguindo as indicacións sanitarias, obriga a tomar novas restricións. Segundo especificou, a iniciativa segue o modelo da Comunidad Valencia onde a Generalitat aporta o 50% de dito fondo, as deputacións o 30 % e os concellos o 20% restante.

Neste sentido, reivindicou novamente o apoio da Xunta aos colectivos que máis están a sufrir a crise sanitaria e actualizou os datos do Plan de Rescate. Fernández-Tapias sinalou que se concederon axudas a 1.159 negocios en Vigo, superando os 3,3 millóns de euros, o que converte no concello galego que conta co maior número de beneficiarios. “Seguiremos ao carón do sector como así o fixemos desde o primeiro momento”, concluíu a delegada.

Comentarios