O BNG de Vigo chama a actuar nos colexios públicos que fican sen calefacción

|

  • Os colexios Escultor Acuña e Otero Pedraio levan semanas sen calefacción por avarías pendentes de resolver.
  • Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que en medio dunha vaga de frío e tendo que aplicar o protocolo de ventilación das aulas pola Covid19 teñamos colexios sen calefacción, co alumnado e o profesorado pasando frío"




Diante das denuncias trasladadas por familias dos colexios públicos Escultor Acuña e Otero Pedraio que levan semanas sen calefacción, o Bloque Nacionalista Galego chamou ao Goberno municipal de Vigo a actuar coa maior urxencia para resolver esta situación. A fronte nacionalista insta tamén a reforzar o servizo de mantemento para evitar novos casos.

A través dunha interpelación na Comisión Informativa de Educación do Concello, decorrida esta mañá, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou celeridade para resolver a falla de calefacción no CEIP Escultor Acuña, que leva sen ela desde o pasado 8 de xaneiro. Unha situación á que se engadiu a denuncia hoxe da Anpa do CEIP Otero Pedraio polo mesmo motivo.

"É inaceptábel que en medio dunha vaga de frío e tendo que aplicar o protocolo de ventilación das aulas pola Covid19 teñamos colexios sen calefacción, co alumnado e o profesorado pasando frío", denunciou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista cualificou de "inexplicábel" que esta situación se demore durante semanas e urxiu á concellaría de Educación a adoptar todas medidas que sexan necesarias. "Se hai unha avaría haberá que reparala e se a reparación non se pode facer nun tempo razoábel haberá que dotar os colexios doutros medios provisionais para quentar as aulas. O que non pode ser unha opción, baixo ningún concepto é que nenos e nenas estean tremendo de frío no colexio", afirmou.

Diante do reclamo do BNG na Comisión Informativa o Goberno municipal declinou ofrecer ningunha resposta ou explicación limitándose a afirmar que darían resposta por escrito.

Comentarios