Tellado: “O BNG branquea a subida das peaxes da AP-9 gobernando con quen incumpre a súa promesa de baixalas

|

  • Di que o Bloque está máis centrado en ocupar un cargo nas deputacións que en defender os intereses de Galicia e que é cómplice das lesivas políticas do Executivo socialista
  • Afirma que o único compromiso que cumpre o Goberno central é o que ten con Audasa, axudándolle a que se enriqueza cos cartos de todos os galegos







O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou o cinismo do Bloque Nacionalista Galego e asegurou que branquea a subida das peaxes da AP-9 gobernando en concellos e deputacións co PSOE, que incumpre a súa promesa de baixalas. “O BNG é tan responsable como o Partido Socialista deste incremento que estamos a sufrir todos os galegos”, insistiu.

Segundo admitiu, en lugar de promover manifestacións en contra do Executivo central, os nacionalistas deberían condicionar a continuidade deses gobernos municipais e provinciais que xestiona co PSOE a que se fagan efectivas de forma inmediata as baixadas das peaxes prometidas.

Ademais, recoñeceu que chaman a atención as declaracións do deputado nacional Néstor Rego ameazando a Pedro Sánchez con botalo á rúa porque “o BNG xa non ten ningún poder nin influencia en Madrid e, cando o tivo, antes da toma de posesión, decidiu utilizalo para facer presidente a Sánchez a cambio de nada, de fume e de promesas baleiras”.

“Son cómplices das políticas tan lesivas para Galicia que está impoñendo o Goberno socialista”, aseverou o número dous do PPdeG, que resaltou que, se os nacionalistas de verdade queren presionar ao PSOE ou realmente tiveran intención dar un ultimátum a Sánchez, teñen ferramentas para facelo. “Entón o BNG demostraría que a súa prioridade non é ocupar un carguiño nas deputacións senón defender o interese dos galegos”, engadiu.

FALTA DE COMPROMISO CON GALICIA

Tellado recordou que o Executivo central prometeu bonificacións nesta autoestrada, transferila a Galicia e liberar a peaxe de Redondela, “pero ata agora o único que está a cumprir é o seu compromiso con Audasa, que se está enriquecendo cos cartos dos galegos”.

Do mesmo xeito, apuntou que o incumprimento de rebaixar as peaxes é só o último agravio dunha longa lista por parte do Goberno de Sánchez á nosa Autonomía: “Non debemos esquecer que xa nos amosaron o seu desprezo cando nos castigaron coa incautación de cartos referidos á recadación dunha mensualidade do IVE na Comunidade, ademais de aprobar os peores Orzamentos do Estado dos últimos 15 anos para Galicia”.

Comentarios