O BNG levará ao Pleno de Vigo a esixencia de que se apliquen as bonificacións na AP9 a partir do 1 de febreiro

|


  • Demandan tamén que se avance na transferencia da competencia e da xestión con rumo a unha AP9 galega e libre de peaxes, que se converta en tramo urbano a autoestrada desde Torres de Padín, a instalación de pantallas acústicas e a reforma dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa.
  • Xabier P. Igrexas: "“Falamos dun compromiso de xaneiro de 2020 e agora botan balóns fóra con escusas burocráticas. Que estivo facendo o Goberno español durante estes doce meses?”




O Bloque Nacionalista Galego trasladará ao Pleno do Concello de Vigo a problemática arredor das peaxes da AP9 e tamén a necesidade dalgunhas actuacións para corrixir o impacto do paso da autoestrada no ámbito urbano.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción coa que a fronte nacionalista pretende que o Pleno esixa ao Goberno español a aplicación das bonificacións comprometidas a partir vindeiro 1 de febreiro.

Igrexas lembrou que no acordo de investidura subscrito en xaneiro do pasado ano 2020 polo BNG co PSOE recollíase expresamente que se aplicarían bonificacións do cento por cento para as usuarias recorrentes que realizasen dous ou máis viaxes na AP9 no mesmo día, calquera día da semana, fosen profesionais ou particulares. Aliás, o acordo recollía a inmediata supresión da peaxe entre Vigo e Redondela e a non repercusión dos incrementos anuais derivados das addendas asinadas por causa da ampliación da Ponte de Rande. Para esta finalidade existen nos orzamentos xerais do Estado en vigor para este 2021 partidas por importe de 55 millóns de euros.

“En lugar de aplicar as bonificacións prometidas e de suprimir a peaxe de Redondela o que sucedeu é que un ano máis a AP9 é a autoestrada que máis incrementou as súas peaxes”, reprochou Igrexas. O portavoz municipal nacionalista urxiu a “cumprir coa palabra dada a Galiza a través dos acordos que logrou o BNG” aplicando eses descontos que suporán un importante alivio no camiño de superar a “estafa diaria” que padecen as usuarias da AP9.

“Falamos dun compromiso de xaneiro de 2020 e agora botan balóns fóra con escusas burocráticas. Que estivo facendo o Goberno español durante estes doce meses? Porque non preparou as medidas normativas que fosen necesarias para que desde o 1 de xaneiro as galegas e os galegos deixásemos de pagar peaxes abusivas?”, inquiriu afeando o desleixo do executivo de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos.

Por outra parte, a moción pide dar pasos para avanzar de verdade na transferencia da competencia e xestión da AP9 á Xunta de Galiza, tal e como demandou de maneira unánime o Parlamento galego. Neste sentido, o Bloque insiste en que esa transferencia debe ir acompañada da completa liberación de peaxes.

Barreiras acústicas e pasos elevados

A fronte nacionalista urxe tamén a resolver o impacto que o trazado da AP9 ten na cidade e singularmente no barrio de Teis. Neste sentido, volven demandar a conversión en vía urbana do tramo desde as Torres de Padín, tal e como reclama a veciñanza de Teis, e non desde Bos Aires como defende o alcalde de Vigo. Entrementres non se efectiviza esta cuestión, demandan a instalación de pantallas acústicas advertindo de que ese treito é o máis ruidoso de toda a autoestrada, como recoñece a propia Audasa nun informe de 2012.

Aliás, o Bloque recolle a demanda da veciñanza de Teis para a reforma dos pasos elevados nos camiños da Trapa e da Xorxa, para permitir que poidan seguir a ser transitados de maneira segura tanto por peóns como por vehículos. A este respeito, Igrexas rexeitou de plano as obxeccións do Ministerio de Transportes que se refire a estes pasos como “pasarelas peonís”. “Levan desde 1979 sendo utilizadas por coches e non facelo sería deixar incomunicados ámbitos importantes do barrio de Teis mesmo para o acceso de vehículos de emerxencias. Só desde un despacho de Madrid, sen coñecer nada a xeografía da cidade se pode dicir que a alternativa a eses pasos é o enlace de Bos Aires”, aseverou.


Ambas as dúas cuestións motivaron varias iniciativas do BNG no Congreso a través do deputado, Néstor Rego. Por iso, o edil nacionalista criticou con dureza a posición cómplice asumida por parte do Goberno municipal de Vigo. “En lugar de poñerse a carón da veciñanza de Teis e de esixir a Madrid que atendan as súas reivindicacións, Abel Caballero decidiu aliñarse de maneira obediente coa Moncloa e con Ferraz. Defender Vigo non é dicir ‘si bwana’ aos teus cando gobernan”, reprochou. 


Comentarios