GALICIA É PRIMEIRA COMUNIDADE DE ESPAÑA EN DETECTAR A PRESENCIA DA CEPA SUDAFRICANA

|

Os servizos de Medicina Preventiva e de Microbioloxía do Chuvi detectaron esta cepa nun home da Área Sanitaria de Vigo ao seu regreso dunha viaxe a Sudáfrica

O paciente xa está dado de alta e non requiriu ingreso hospitalario

Trátase dun feito de especial importancia xa que, máis alá do recoñecemento científico internacional que representa para a sanidade pública galega, axuda na identificación e control epidemiolóxico do virus


O Servizo Galego de Saúde ven de detectar a presencia da cepa sudafricana en Vigo, sendo así a primeira comunidade española en conseguir detectar esta variante da Covid-19.

Os servizos de Medicina Preventiva e de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo detectaron este virus nun varón de 30 anos desta Area Sanitaria, vinculado á industria do naval e que que viaxara a Sudáfrica por motivos laborais. Ao seu regreso dese país referiu síntomas compatibles co virus.

Grazas á capacidade de rastreo do servizo de Medicina Preventiva, liderado polo doutor Victor del Campo, decidiuse proceder á secuenciación do virus nos laboratorios de Microbioloxía do hospital Meixoeiro. O pasado 5 de xaneiro confirmouse a presencia desta cepa, coñecida como B.1.351 clado 20C/501Y.V2, e comunicouse ao rexistro internacional GISAID.

Segundo explica o xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro “este achado ven a por en valor a capacidade do sistema sanitario galego para realizar análises completas e sofisticadas do virus. Ademais, contribuirá á unha correcta identificación e mellor control epidemiolóxico, xa que nos ten descuberto as súas vías de entrada en Galicia; será necesario realizar unha vixilancia especial nos portos e na chegada de viaxeiros a través das nosas fronteiras”.

Secuenciación

A secuenciación xenética completa do virus é unha técnica de elevado nivel de especialización, que fue realizada pola doutora Sonia Pérez e o seu equipo de técnicos de laboratorio do Hospital Meixoeiro, utilizando ferramentas bioinformáticas moi sofisticadas.

Trátase dun proceso complexo e laborioso, no que é necesario empregar 4 días para a obtención de resultados. Na actualidade, o Chuvi conta con capacidade para secuenciar 36 mostras semanais.

Comentarios