O BNG de Vigo demanda que se informe na Xerencia de Urbanismo dos traballos de elaboración do novo PXOM

|

  • A fronte nacionalista insta a que o equipo redactor do novo Plan compareza no Consello da Xerencia para informar en detalle.
  • Xabier P. Igrexas: “Non queremos un PXOM elaborado na escuridade dos despachos, queremos un plan xeral de toda a cidade e para toda a cidade”


O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá que se informe na Xerencia Municipal de Urbanismo da situación dos traballos de elaboración do novo PXOM de Vigo. A fronte nacionalista quere coñecer en que punto se atopa o documento para a aprobación inicial, para o que solicita que o equipo redactor do novo Plan compareza perante o Consello da Xerencia.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que a elaboración do novo planeamento urbanístico continúa a desenvolverse “con opacidade e sen participación”. Neste sentido, Igrexas afeou que o equipo redactor do novo PXOM só comparecese unha vez, o pasado 15 de xullo, nunha breve xuntanza na Xerencia para explicar as liñas xerais do borrador cando este xa estaba en tramitación. “Non ha precedentes na historia democrática da cidade dunha xestión tan opaca. Falamos dun documento estratéxico que vai definir o modelo urbano nos vindeiros anos”, criticou.

“O BNG levamos dicindo desde o primeiro momento que a única garantía de que Vigo se dote dun Plan Xeral efectivo e duradeiro é que sexa un plan de consenso, e iso esixe transparencia e participación”, advirten.

A fronte nacionalista considera insuficiente a pequena rolda de xuntanzas que desde a concellaría de Urbanismo se realizou con algún colectivos veciñais o pasado mes de setembro. A este respeito lembran que ese proceso tivo lugar despois de “semanas e meses de insistencia do BNG reclamando transparencia e que se informase á veciñanza”.

“Non queremos un PXOM elaborado na escuridade dos despachos, queremos un plan xeral de toda a cidade e para toda a cidade”, remachou Igrexas.

Comentarios