Marea de Vigo considera urgente explorar la creación de una empresa municipal de servicios aprovechando el contexto legislativo actual y la llegada de fondos europeos de reactivación económica

|

  • Marea de Vigo segue a defender unha empresa municipal de servizos que evite privatizacións como a aprobada hoxe, de xeito definitivo, para a xestión dos pavillóns municipais dependentes do IMD.
  • Rubén Pérez: “Ademais da suspensión das regras fiscais coas que se limitaba dende os tempos de Goberno do PP a autonomía e capacidade económica dos concellos, a chegada de numerosas liñas de recursos e fondos europeos tanto ás CCAA como aos Concellos abre a espita dun soporte legal e económico para este fin”.


 Para a Marea de Vigo, a suspensión das regras fiscais “son un avance que xa permite explorar a creación de entes públicos de servizos” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. “O pago da débeda ou as limitacións que impoñía a chamada Lei Montoro xa non operan como limitador de creación de empresas públicas, polo que xa non valen os reparos que o Ministerio de Facenda trasladou a moitos concellos que exploraron esta vía nos pasados anos”.

Un dos usos que propón Marea de Vigo exemplifícase co acontecido hoxe coa adxudicación, a unha empresa privada, da apertura e peche dos 15 pavillóns municipais. “A creación dunha empresa pública de servizos permitiría canalizar gran parte das bolsas públicas de emprego que habitualmente se usaban para estes fins sen necesidade de recurrir a privatizacións, que acaban xerando unha degradación evidente do servizo e das condicións laborais do persoal, cuxa actividade laboral é desenvolvida en instalacións públicas” matiza o voceiro.

Marea de Vigo reitera a necesidade de creación de empresas publicas municipais de servizos favorecendo a progresiva municipalización da xestión de servizos básicos. “En Vigo non só non se remunicipaliza – apunta Rubén Pérez - , senón que se seguen privatizando servizos publicos que van parar ao saco das concesionarias privadas onde o Goberno local non exerce ningún tipo de control, tal e como ademais esixe a lei, e onde se precarizan notablemente as condicións laborais do persoal. Sobran exemplos da mala xestión das concesionarias privadas por parte do Goberno de Abel Caballero: O abandono do persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal hai xa seis anos, o duro conflito laboral na XER, o peche do Laboratorio Municipal, os impagos na empresa de limpeza, o 'baile de empresas' en parques e xardíns ou os centos de incumprimentos en materia laboral que derivaron en mobilizacións en concesionarias como VITRASA son só exemplos da deixadez do Goberno local e a súa nefasta xestión dos servizos privatizados e concesioandos”.

Sobre os usos dos fondos de Europa, “afortunadamente, o Decreto 36/2020 do 30 de decembro, sobre os Fondos Europeos de Reactivación Económica foi mellorado por Unidas Podemos para que estes permitan a creación de empresas públicas fronte a pretensións autonómicas, como a expresada pola Xunta de Galicia, na que se pretendía canalizar todo nun consorcio 100% privado, onde a presenza pública sería testimonial” aclara Rubén Pérez. Para o voceiro de Marea de Vigo, “esta capacidade de facelo a nivel estatal ten que ter recorrido tamén nas administracións que máis servizos están a asumir dende o xurdimento da pandemia, que son as administracións locais, fronte a inoperancia e incapacidade de moitas CCAA”.

Marea de Vigo lembra que os fondos REACT-EU permiten, ademais de financiar fundamentalmente operacións no ámbito da educación, sanidade e servizos sociais para orientalos estratéxicamente a un futuro de sostenibilidade, ampliar os empregos para CCAA e Concellos, de modo que estas administracións poden ampliar o catálogo de usos para outros ámbitos de actuación que se consideren relevantes para a reactivación económica así como para artellar medidas económicas en actuacións que presten servizos básicos á cidadanía.

Comentarios