O CAMPUS DO MAR EN VIGO RECIBE UN PULO IMPORTANTE COA APROBACIÓN DO ÚLTIMO DOS TRES PROXECTOS SECTORIAIS PROMOVIDOS POLA XUNTA

|

  • O chamado PS-1 ordena e detalla unha área de 20.000 metros cadrados na antiga ETEA destinada a albergar espazos libres, zonas verdes e o sistema viario tanto interior como exterior do futuro Campus, cun investimento estimado de 10 millóns
  •  Entre as principais actuacións previstas, cómpre subliñar a reurbanización da praza de Armas e da avenida Central, o acondicionamento dos espazos lindeiros da praia da Punta da Guía a as conexións cos sistemas xerais de infraestruturas
  •  En canto aos outros cinco proxectos necesarios para desenvolver o ámbito, dous están en trámite (PS-2 e PS-3), un foi aprobado (PS-6), outro xa está executado (PS5) e o que depende do Concello de Vigo (PS-4) pendente do trámite ambiental
  •  O obxectivo final é implantar un proxecto estratéxico para Galicia, chamado a converterse nun referente en materia de investigación e innovación no eido mariño, aumentar o atractivo público do espazo como elemento que revitalice o barrio vigués de Teis e garantir a integración do conxunto nos valores da contorna



A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González, achegáronse esta mañá ata a antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) con motivo da aprobación definitiva do Proxecto sectorial da área de viarios, espazos libres e infraestruturas (PS-1) do futuro Campus do Mar en Vigo.

A decisión do Consello da Xunta permitirá desenvolver un ámbito de algo máis de 20.000 metros cadrados que cumprirá unha función vertebradora de todos os ámbitos que integran o futuro complexo, xa que albergará espazos de uso libre, zonas verdes e tamén as conexións tanto interiores como exteriores. Asemade, tal e como destacou Fernández-Tapias, supón un paso importante para seguir avanzando no desenvolvemento deste ambicioso complexo de carácter científico-tecnolóxico nestes terreos, xa que deste xeito os tres proxectos sectoriais promovidos pola Xunta de Galicia están xa aprobados ou executados.

Cómpre lembrar que debido ao seu carácter estratéxico para o conxunto de Galicia, o Campus Científico-Tecnolóxico do Mar foi declarado de incidencia supramunicipal, e,

en 2012, aprobouse o seu Plan sectorial de ordenación territorial como instrumento encargado de fixar as condicións particulares para o seu futuro desenvolvemento.

Este plan conta cun triplo obxectivo. Por unha banda, a implantación do novo campus científico-tecnolóxico promovido pola Xunta, altamente especializado e chamado a ser un referente internacional en investigación mariña; a ordenación detallada dos usos complementarios abertos á cidadanía, para facelo un espazo máis atractivo e que contribúa á revitalización do barrio de Teis-A Guía en que se enmarca, e, por último, a súa integración nun ámbito de singular valor cultural e paisaxístico respectando os valores da contorna.

O ámbito do PS-1

Para cumprir con este fin, o Plan sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da antiga ETEA prevé o seu desenvolvemento a través de seis proxectos sectoriais. Un deles é o PS-1, aprobado esta mañá e que ten por obxecto acondicionar para uso público unha superficie de 20.029 metros cadrados para destinalos a espazos libres, zonas verdes e a albergar o sistema viario do Campus.

Así, o PS-1 desenvolverá os espazos que permitirán vertebrar e conectar entre si todos os ámbitos do Campus do Mar, e tamén resolverá non só as conexións interiores do futuro complexo, senón a súa conexión coa cidade de Vigo, e, nomeadamente, co barrio de Teis.

En concreto, abrangue o viario de acceso desde a avenida Mariña Española, a praza Beiramar, o peirao leste e a súa explanada anexa, así como os espazos lindeiros á praia da Punta da Guía. O ámbito está totalmente urbanizado e carece de edificacións polo que o desenvolvemento previsto se centrará en levar a cabo a súa renovación e posta en valor.

Deste xeito, entre as principais obras que se van desenvolver de forma conxunta, cómpre subliñar a reurbanización da praza de Armas, limitando o tráfico rodado, e da avenida Central para potenciar os percorridos peonís e executar unha nova galería soterrada pola que discorrerán a maioría das novas redes interiores de servizos (abastecemento, electricidade e telecomunicacións) e o resto de canalizacións paralelas a ela (saneamento e gas).

Ademais, tamén se acometerá o acondicionamento do cantil e a súa explanada anexa, así como do espazo que rodea a praia de Punta da Guía, onde se prevé executar unha zona verde, un itinerario peonil e varios carrís bici en continuidade cos do PS-5. Así

mesmo, o proxecto sectorial do PS-1 tamén prevé acometer as conexións exteriores cos sistemas xerais de infraestruturas (entre outros, a conexión viaria na intersección coa avenida da Mariña Española, estación de tratamento, centro de transformación eléctrico...).

O investimento total previsto por parte da Xunta no ámbito do PS-1 ascende a 10 millóns de euros. Nesta contía inclúense os 2,8 millóns do custo do solo abonados xa no seu día, xunto co resto dos ámbitos adquiridos na ETEA, aos cales haberá que sumar a partir de agora o custo das obras de urbanización, as conexións exteriores e os gastos derivados da redacción do proxecto sectorial e de execución, cun investimento estimado en 7,13 millóns.

Estado de tramitación dos outros proxectos

Dos seis proxectos necesarios para desenvolver o Campus do Mar, dous están en tramitación (PS-2 e PS-3), outros dous acaban de aprobarse (PS-1 e PS-6) e un quinto foi xa executado (PS-5). O restante proxecto sectorial, correspondente ao ámbito PS-4 e que depende do Concello de Vigo, é o único que aínda non iniciou a tramitación ambiental.

Ademais da xa referida área de vías, espazos libres e infraestruturas, o PS-2 e o PS-3 son os encargados de desenvolver as áreas científico-tecnolóxicas 1 e 2, respectivamente; o PS-6 resérvase para os usos complementarios entre os que destaca a construción dunha residencia para maiores con 150 prazas públicas; o PS-4 é o relativo á área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano; e o PS-5, xa desenvolvido na súa totalidade pola Xunta, alberga, entre outros elementos recreativos, unha pista de patinaxe, unha pista de skate, carril-bici, dúas pistas multideporte e un parque infantil.

En total e ata o momento, a Xunta de Galicia xa leva executado un investimento de 7,7 millóns de euros en actuacións relacionadas cos tres ámbitos que promove directamente: o PS-1, o PS-5 e o PS-6. Nesta contía está incluído o custo do solo adquirido no seu día na ETEA, así como as obras rematadas xa desde 2015 na área de usos recreativos (PS-5). Cómpre lembrar que cada un dos seis proxectos deben superar cadanseu trámite ambiental promovido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Logo, continúan a súa tramitación ante a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e, por último, elévanse ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.


20210211VisitaEteaAprobacionPS1





Comentarios