Xabier P. Igrexas BNG Vigo Após o derrube da fachada dun edificio en pleno centro da cidade de Vigo

|

Perante o derrube producido esta mañá na fachada traseira dun edifico sito no número 4 da rúa República Arxentina, o Bloque Nacionalista Galego quere trasladar publicamente o seguinte:

1.    O BNG imos solicitar con carácter inmediato acceso íntegro ao expediente municipal referido a ese inmóbel e demandaramos que no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo se informe en detalle deste derrubamento e das denuncias previas, que segundo testemuña de veciñanza da contorna, se terían formalizado  alertando dos riscos.

2.    Consideramos moi preocupante que este tipo de sucesos poidan producirse, o que provoca dúbidas razoábeis a respeito da actuación da Concellaría de Urbanismo na supervisión de inmóbeis, que como é o caso, presentaban importantes desperfectos e foron tapiados hai varios anos por motivos de seguridade.

3.    O feito de que, afortunadamente, non se produciran danos persoais non minora a gravidade dun suceso que nos advirte da necesidade de actuar para evitar, no posíbel, que se poida repetir.

4.    Polo anterior, urxe revisar os protocolos de actuación do Concello de Vigo na supervisión da seguridade das edificacións da cidade, así como despregar de maneira efectiva as medidas xa previstas na Ordenanza Municipal de Expropiación Forzosa e no Rexistro de Soares. Instrumentos urbanísticos que deberan priorizar, precisamente, actuacións que eviten situacións tan graves como a vivida esta mañá en pleno centro da cidade.

Comentarios