O BNG esixe que non se feche a matriculación de 0-1 anos na escola infantil municipal do Casco Vello

|

  • A fronte nacionalista demanda tamén coñecer os informes técnicos municipais que xustifiquen o traslado forzoso por razóns de “seguridade” e insta a manter a escola mentres o Concello non conte cunha alternativa real.


O Bloque Nacionalista Galego esixe que no proceso de matriculación para o curso 2021/22, que se abrirá nos vindeiros días, o Concello de Vigo oferte como mínimo o mesmo número de prazos en todos os niveis da Escola Infantil Municipal Santa Marta, sen excluír o grupo de 0 a 1 anos como pretende o Goberno municipal. Ademais, demandan coñecer os informes técnicos municipais que xustifiquen o traslado forzoso por razóns de “seguridade”, argumentadas polo alcalde a pasada semana, e instan a manter a escola na súa actual ubicación até contar cunha alternativa real.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado pola responsábel de Ensino do Bloque na cidade, Mayca Rivas, mantiveron esta mañá un encontro con representantes de Foanpas, da Anpa da Escola Infantil e de colectivos veciñais do Casco Vello. Ao remate da xuntanza e en declaracións aos medios, Igrexas, anunciou que levarán a situación desta escola á Comisión Informativa de Educación do Concello, que se celebrará este mesmo mércores.

O portavoz municipal nacionalista rexeitou de plano a intención do Goberno local de suspender a matriculación para crianzas de 0 a 1 anos, dado que suporía na práctica extinguir a liña educativa en dous cursos poñendo en risco a propia supervivencia da escola. Neste sentido, Igrexas, subliñou que no presente curso só 45 das 114 solicitudes de praza a obtiveron na única escola infantil pública do centro da cidade.

Por outra parte, as nacionalistas demandan transparencia e coñecer os informes técnicos municipais, se é que existen, que acrediten os motivos de “seguridade” que xustifiquen o traslado forzoso da escola. “Non é que non creamos na palabra do alcalde, pero Abel Caballero non é perito, e cómpre lembrar que esta escola mantivo a súa actividade mentres no Barrio do Cura se realizaban demolicións e movementos de terra, sen que daquela supuxesen para o Goberno local un problema de seguridade”, explicou.

En relación á proposta de trasladar a escola infantil ás dependencias do Colexio Picacho, desde o BNG aseguran que pola información da que dispoñen este centro non dispón nin dos espazos libres nin das condicións para albergar aulas para crianzas de menos de 3 anos. “A escola infantil Santa Marta é de titularidade municipal, e desde logo non podemos aceptar que se fale de ningunha hipótese de traslado mentres o Concello non dispoña dunha alternativa real que conte co aval das familias da escola”, acrecentou.

O BNG expresoulle aos colectivos implicados na loita polo mantemento da escola infantil municipal do Casco Vello o seu apoio. “Contan co noso aval e co noso respaldo e no que de nós dependa faremos todo o posíbel para evitar este disparate que pode acabar deixando o barrio sen escola infantil pública”, remachou Igrexas.


FOANPAS



Comentarios