A tarxeta básica, impulsada pola Xunta, leva beneficiado a preto de 2.300 persoas no concello de Vigo desde a súa posta en marcha

|

  • O Goberno galego destinou 800.000 euros desta axuda a veciñas e veciños desta cidade
  •  No conxunto da comunidade o número de beneficiarios ascende aos 35.200, para o que se investiron 13,8 millóns de euros
  • Ampliouse ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta
  • O seu importe oscila entre os 150 e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar.


A Tarxeta Básica, posta en marcha pola Xunta o pasado mes de xullo para atender ás persoas máis vulnerables fronte aos efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19, leva beneficiado a 2.300 persoas do concello de Vigo desde a súa posta en marcha. Isto significa que se emitiron 1.200 tarxetas nas que o Goberno galego investiu preto de 800.000 euros.

No conxunto de Galicia, o número de beneficiarios ascende aos 35.200. O número de tarxetas emitidas é de 20.800 tarxetas, nas se levan investido un total de 13,8 millóns de euros. Vigo é a terceira cidade de Galicia na que máis tarxetas se dispensaron.

A Xunta ampliou a Tarxeta Básica ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta. O importe desta axuda depende do número de membros da unidade familiar. No caso dos fogares unipersoais a axuda é de 150 euros mensuais, para os fogares con dous membros é de 200 e para as familias con tres membros ou máis a axuda chega aos 300 euros mensuais.

Axuda áxil, que non estigmatiza

Trátase dunha actuación pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias, xa que o seu período máximo de tramitación é de 72 horas desde que se solicita. O seu obxectivo é prestar apoio na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Por outro lado, esta tarxeta representa unha actuación coordinada ao implicar na súa xestión á Xunta, aos servizos sociais municipais e ás entidades sociais como Cruz Vermella, encargada da súa tramitación. Ademais, non estigmatiza xa que ao ter forma de tarxeta de crédito que se recarga mes a mes, os seus usuarios non teñen que facer colas nin acudir a un establecemento específico para obter os produtos.

Comentarios