O PPdeG esixirá que deputacións e concellos se sumen á súa demanda para que o Goberno baixe as peaxes da AP-9

|

Os populares presentarán mocións en todos os municipios para sumar apoios ás demandas que xa plantexaron desde a Xunta de Galicia e que suporán aforros de ata 1.800 euros ao ano a moitos galegos

- O voceiro de Infraestruturas no Parlamento, Diego Calvo, asegurou que o PSOE “non só non cumpriu os seus compromisos, senón que permitiu á concesionaria aumentar as tarifas, desoíndo o ditame do Consello Consultivo de Galicia que considera este incremento nulo de pleno dereito”

- “A AP-9 é a autoestrada estatal que máis subiu este ano as súas peaxes, o que a converteu nunha das máis caras de España”, lamentou

- “Pedimos eliminar o impacto que produce a subida nos petos das familias e a diminución que xera na competitividade das empresas e do noso territorio”, asegurou



O PPdeG anunciou hoxe que a súa formación levará ao pleno dos 313 municipios e ás catro deputacións unha moción na que esixe que todos estes gobernos se sumen á demanda que os populares xa

trasladaron ao executivo central para que poña en marcha un sistema de bonificacións dirixido aos usuarios da AP-9.

O texto recolle tamén a reclamación para deixar sen efecto as novas subas extraordinarias previstas para financiar as obras de ampliación da autoestrada, e esixe a convocatoria da comisión conxunta da AP-9 para abordar coa Xunta o modelo de bonificacións, e avanzar na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada con todos os recursos necesarios para acometer as obras pendentes e para a súa axeitada xestión.

Os populares recordan que a autoestrada AP-9 é unha infraestrutura básica e vital de dinamización económica e social da comunidade autónoma. “Falamos dun eixe vertebrador que percorre a xeografía galega de norte a sur, na súa franxa atlántica, na que se concentra arredor do 60 por cento da poboación, e que conecta 5 das grandes cidades galegas”, asegurou Diego Calvo, portavoz de Infraestruturas no Parlamento de Galicia.

Neste sentido, Calvo lembrou que o Goberno anunciou, a finais do pasado ano e coincidindo coa presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2021, unha serie de actuacións sobre as peaxes que non se están a aplicar nesta autoestrada: como a bonificación das tarifas, e a invalidación das subas extraordinarias anuais.

“Non só non cumpriu ningún dos seus compromisos senón que permitiu á empresa concesionaria aumentar as tarifas, desoíndo o ditame do Consello Consultivo de Galicia que considera este incremento extraordinario nulo de pleno dereito”, dixo Calvo.

Este suba das peaxes redunda no “agravio comparativo” do que veñen sendo obxecto os galegos con respecto ao resto das autoestradas de competencia da administración central, onde a tendencia leva a rebaixar as peaxes. “O pasado 1 de xaneiro a AP-9 foi a autoestrada estatal que máis subiu as súas peaxes, o que a converteu nunha das máis caras de España”, lamentou o voceiro de Infraestruturas.

En consonancia coa Xunta de Galicia

A reclamación do Partido Popularruña súmase a feita pola Xunta de Galicia, que trasladou xa ao Ministerio de Transportes a súa proposta de bonificacións das peaxes da AP-9, para que os 50 millóns de euros previstos nos Orzamentos Xerais do Estado se traduzan en beneficios para os galegos e non para a concesionaria.

“O que buscamos é unha a maior rendibilidade social na aplicación das bonificacións, eliminar o impacto que produce a subida nos petos das familias e a diminución que xera na competitividade das empresas e do noso territorio”, asegurou Calvo

Gratuidade nas viaxes de volta

Para conseguir este obxectivo, a Xunta de Galicia propón a bonificación do 100% da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen a telepeaxe e que realicen a volta nun intervalo de 24 horas calquera día da semana, ou ben un mínimo de dúas viaxes de ida e volta na mesma semana.

Ademais, Calvo expuxo que a proposta do executivo galego recolle un desconto adicional do 25% na viaxe de ida para os vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe e que volvan nun intervalo de 24 horas, agás en domingos e festivos. A todo isto, dixo o popular, hai que engadir bonificacións do 60% en todas as viaxes para o caso das familias numerosas. Unha porcentaxe de bonificación, do 60%, indicou, será a que se aplique para todas as categorías de vehículos pesados, así como para os vehículos eficientes enerxéticamente, con distintivo ambiental.

“Atendendo a razóns de competitividade do sector do transporte e de seguridade viaria, a nosa proposta demanda tamén o desconto do 50% nas viaxes de ida e volta en horario nocturno, entre as 23 horas e as 6 da mañá”, apuntou o popular, quen fixo fincapé en que son “bonificacións útiles” para os galegos que permitirían, por exemplo, a un traballador que realiza todos os días unha viaxe de ida e volta entre A Coruña e Santiago no seu coche con telepeaxe, un aforro de máis de 1.800 euros ao ano.

Comentarios