Fernández-Tapias anuncia a licitación a vindeira semana dunha nova promoción do consorcio casco vello de Vigo en subida ao Castelo 9

|

  • A presidenta do organismo e delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe xunto ao arquitecto da obra este inmoble do que obterán dúas novas vivendas
  •  Os traballos consistirán nunha rehabilitación integral, que se suma ás anteriores nos número 5-7 e 12 desta mesma rúa, cun orzamento de 297.000 euros
  • Recorda que actualmente hai catro rehabilitacións en marcha na zona alta e no Berbés, tres adxudicacións en curso e dous inmobles pendentes de licitación


A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, xunto o arquitecto, Pablo Menéndez (MAM Arquitectura), visitou hoxe a que será a terceira promoción do organismo en Subida ao Castelo, neste caso no número 9. Un inmoble do que se obterán dúas novas vivendas e que sairá a licitación a vindeira semana, tal e como informou a representante autonómica.

Trátase dun edificio construído fai máis de cen anos sobre un solar de 90 metros cadrados que na actualidade atópase en estado de ruína e no que os traballos consistirán nunha rehabilitación integral, que se suma ás intervencións anteriores nos número 5-7 e 12 desta mesma rúa, cun orzamento de 297.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Neste contexto, Fernández-Tapias que recordou que vén de entregar no último mes as chaves a tres novos veciños do casco histórico (rúa Real 13, Subida o Castelo 14 e Cruz Verde 12), se referiu ás actuacións actualmente en marcha neste ámbito. Concretamente, lembrou as obras que se están a executar en catro inmobles localizados na zona alta do Casco Vello e no Berbés, cun investimento de máis de 3,8 millóns de euros e grazas ás que 12 familias máis poderán asentarse neste barrio, ademais de obter dous novos locais comerciais. Asemade, referiuse ao proceso de adxudicación de outras tres vivendas aberto para Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16.

Especial fincapé fixo a representante autonómica na intervención no número 13 da rúa Real, recentemente anunciada e que, tal e como recordou, permitirá obter catro vivendas e un local comercial. Segundo dixo, o investimento previsto para recuperar este edificio, que será licitado en canto se dispoña de licencia municipal, ascende a 675.000 euros.

Deste modo, a presidenta do CCVV destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo

participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización dunha zona histórica e degradada da cidade.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito que permitiron poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33 locais, contribuíndo deste xeito a que o Casco Vello recuperase actividade comercial e social.

Xa por último, a delegada territorial volveu a insistir na necesidade de que o Concello habilite a vía da expropiación, que permitiría a compra de edificacións que nestes intres e por distintas razóns non poden ser adquiridos polo ente rehabilitador. “Temos os proxectos e o orzamento para acometer estas intervencións, pero nos fan falla as ferramentas urbanísticas que permitan a súa adquisición e que dependen única e exclusivamente Concello”, sinalou a delegada.


20210224SubidaCasteloCCVV



Comentarios