A A.V. DE TEIS, DENUNCIA QUE CATRO ANOS DESPOIS DO ANUNCIO, AÍNDA NON HAI RESIDENCIA NA ETEA.

|




A Asociación Veciñal de Teis, denuncia que catro anos despois do anuncio da construción dunha residencia publica de maiores na ETEA, non houbo ningún avanzo sobre este proxecto, que estaba previsto rematase “ nesta lexislatura”.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, desde hai anos demandamos a construción dunha residencia pública nos terreos da ETEA, debido a demanda social existente na cidade de Vigo de prazas para residencias para maiores.

O 2 de marzo de 2017, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o edificio onde se construiría a residencia pública de maiores na ETEA, acompañado de representantes de colectivos sociais de Teis, entres eles unha representación da xunta directiva desta Asociación.

A Asociación Veciñal de Teis, dirixímonos por escrito a Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez o pasado 13 de novembrode 2020, solicitando coñecer os prazos que manexa a Consellaría, para construción desta residencia, sen até o de agora recibir ningunha resposta.

Na última visita de Alberto Nuñez Feixoo, presidente da Xunta a ETEA, o pasado 2 de novembro de 2020, para a presentación do proxecto sectorial da área de usos complementarios PS-6, anunciaba a inminente construción da residencia, pero as obras aínda non comezaron, nin hai unha data prevista para as mesmas.

Desde está Asociación, tamén consideramos moi importante que a xestión desta residencia sexa totalmente pública, pois a xestión privada das residencias, está moi cuestionado polas constantes deficiencias e onde é prioritario o beneficio ao atendemento aos nosos maiores.

A Asociación Veciñal de Teis, esiximos que se avance na realización do proxecto da residencia pública nos terreos da ETEA, para que en Teis e Vigo podamos contar con esta dotación social tan demandada.


Comentarios