ROMÁN RODRÍGUEZ EXPRESA O SEU APOIO AO PROFESORADO DE VIGO E EMPRAZA AO ALCALDE A QUE RECAPACITE A SÚA DECISIÓN DE PECHAR O CENTRO DE FORMACIÓN QUE LEVA 30 ANOS FUNCIONANDO

|

  • O conselleiro de Educación reuniuse co equipo directivo do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Vigo, que este curso realiza preto de 1.000 accións formativas nas que participan 14.000 docentes da cidade e de toda a súa área
  •  Lémbralle ao rexedor que a súa decisión de “expulsalos da súa casa” non é un ataque á Xunta, senón que é “un ataque directo ao profesorado”

A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio ao profesorado da área de Vigo e confía en que o alcalde da cidade, Abel Caballero, recapacite sobre a decisión de expulsalos do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Vigo, as instalacións que levan máis de 30 anos funcionando como escola de formación de profesores.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe co equipo directivo do CFR de Vigo para trasladarlles o máximo apoio por parte do Goberno galego, ao tempo que lles anunciou que se ía poñer en contacto co alcalde para solicitarlle que “recapacite unha decisión que non é un ataque á Xunta, senón ao conxunto do profesorado de Vigo e da área sur da provincia para o cal este centro é a súa escola”.

As preto de 1.000 actividades formativas coa participación duns 14.000 profesores no que levamos de curso dan conta da importancia deste Centro de Formación e Recursos. Os docentes actualizan cada ano nel os seus coñecementos e competencias: “Os profesores son o piar do sistema educativo, que primeiro se forman para despois formar os nosos fillos”, abondou Román Rodríguez.

O titular de Educación lamentou que o alcalde “queira expulsar da súa casa” aos profesores e ás anpas de Vigo, que comparten edificio, nunha decisión unilateral e sen previo aviso. Por iso, demándalle ao alcalde que aínda está a tempo de rectificar unha decisión “que supón un ataque directo e inédito á calidade do sistema público do noso país e aos seus profesionais”

Con todo, Román Rodríguez lanzou unha mensaxe de tranquilidade á dirección do CFR vigués e asegurou que, se o alcalde non rectifica a súa postura, desde a Xunta traballarase na busca dunha solución “ben organizada, planificada, que non xere problemas a terceiros e sen botarlle a culpa a ninguén”.


20210303CFRVigo2



Comentarios