MAREA DE VIGO MANIFESTA O SEU APOIO Á FEDERACIÓN VECIÑAL (FAVEC) , PECHADA NO SEU LOCAL ANTE A FALTA DE RESPOSTAS POR PARTE DO GOBERNO DE ABEL CABALLERO.

|

Rubén Pérez: “Cremos que é unha situación buscada polo Goberno local, tensionando ao movemento veciñal que non está disposto a aplaudille as gracias sen ningún tipo de crítica ao alcalde” 


Esta mañá, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, mantivo unha xuntanza coa Federación Veciñal Eduardo Chao. A mesma tivo lugar no local que deben desaloxar, segundo o Goberno local, ante o comezo das obras no baixo do inmoble. “Nin comezaron as obras, nin hai licenza das mesmas, o concello o único que fixo foi alongar prazos sen dar resposta algunha, o que semella ser unha nova escalada no acoso ao movemento veciñal nesta cidade” sinalou o voceiro.

Esta semana, ante o inminente desaloxo por parte do Goberno local e a inexistencia de respostas por parte deste, a Federación Veciñal dedidiu pecharse nas instalacións que levan utilizando dende hai máis de 20 anos froito dun acordo co Concello. “Foron reiterados os escritos e solicitudes demandando información sobre unha ubicación temporal durante os meses que durasen as obras, sobre se van poder volver, e mesmo sobre se tiñan que sacar material, solicitudes que o Goberno local decidiu ignorar” apuntou Rubén Pérez.

“Entendemos como lóxica a decisión tomada pola FAVEC pechándose nas instalacións mentres non haxa resposta por parte do Goberno local sobre se a Federación Veciñal vai ter alternativa ou vai poder volver as mesmas instalacións” matizou o voceiro. “Primeiro eliminaron os convenios económicos e agora un desaloxo” engadiu.

Marea de Vigo manifesta o seu total apoio á Federación Veciñal (FAVEC) como elemento apolítico e independente que debe ser respetado por todas as organizacións políticas que están no concello.

Comentarios