MAREA DE VIGO PIDE QUE CALQUERA AXUDA DA XUNTA OU DA SEPI AO ESTALEIRO BARRERAS SEXA VINCULADA A ENTRADA PÚBLICA NO ACCIONARIADO.

|

  • Marea de Vigo afirma que “a xestión de Barreras ademais de desastrosa, é absolutamente opaca”.
  • Rubén Pérez: “A marcha do barco a Santander e a falla de perspectivas futuras de carga de traballo son a plasmación evidente de que os accionistas novos só viñeron a rematar o barco da súa propiedade e cargarlle as débedas ao estaleiro evitando sobrecustos. Unha xogada que se miraba dende lonxe cando propuxeron a súa entrada”





Marea de Vigo considera “impresentable” falar de quitas ou axudas públicas cando nin sequera se solventaron débedas con auxiliares como as agrupadas na Plataforma de afectados polos impagos no naval e cando a sensación xeralizada no sector é que “á fronte do estaleiro Barreras non hai ninguén e só opera o interés de Ritz Carlton por rematar o cruceiro de luxo ao menor custo, se é con axudas públicas mellor para logo desaparecer e se vin Vigo non me acordo” sinala o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Rubén Pérez exemplifica a situación na incertidume arredor do futuro do buque que actualmente se atopa nas instalacións do estaleiro, “non hai interlocutor claro, e non existe claridade sobre o efecto que terá mandar o cruceiro a dique a Santander, se volverá despois ou se rematará alí, se vai haber desprazamento de persoal de Vigo e por canto tempo, e sobre todo, se hai certeza de que os proveedores que actualmente traballan no buque cobrarán polos traballos ou tamén pasarán a ser acreedores. Un auténtico despropósito que non deixa un futuro esperanzador ao histórico estaleiro vigués”.

Marea de Vigo considera xa imposible non vencellar calquera eventual quita de débeda ou de axuda pública da Xunta ou da Sepi á entrada da administración pública correspondente no accionariado do estaleiro, “para dar certeza a posibles encargos e solvencia a armadores que queiran contratar no asteleiro, para que o persoal teña unha interlocución clara e para que ducias de industrias auxiliares da nosa contorna non se afoguen entre as dúbidas de seguir acumulando horas de traballo nas gradas do estaleiro sen a seguridade de cobro una vez emitidas as facturas, algo que ten lanzado a centos de traballadores e traballadoras ao paro na nosa cidade nos últimos meses”.

Neste contexto, Marea de Vigo alberga “todas as dúbidas do mundo” en que o armador estadounidense, que actualmente ten máis do 70% das accións do estaleiro, cumpra co expresado no momento de adquisición do mesmo de asumir os 80 millóns de euros de sobrecusto do Evrima e que poña na mesa outros contratos así como carga de traballo a futuro en Barreras. “A sensación – apunta Rubén Pérez - xa xeralizada no sector e na cidade, é que o estaleiro cargará con parte do sobrecusto do barco e que os impagos á industria auxiliar serán outra vez moeda de cambio, lastrando a centos de traballadores, algún con máis de 50 anos, ao desemprego. Un desastre que está nas mans da Xunta de Galicia e o Sepi evitar”.

Comentarios