O BNG insta desde Vigo ao resto de forzas políticas a impedir que a nova lei de cambio climático desertice as actividades sustentábeis do complexo mar-industria

|

  • A fronte nacionalista presentou unha emenda transaccional para diferenciar as actividades ambientalmente sustentábeis do complexo mar-industria de outros usos “nocivos e contaminantes” que non poden continuar no litoral.
  • Denuncian a campaña de “falsidades e mentiras” do Partido Popular coa que tentaron “terxiversar de maneira ridícula” a posición do Bloque sobre o proxecto de lei.





O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá desde Vigo que o resto de forzas políticas apoien a emenda transaccional formulada por Néstor Rego para que no artigo 18 da nova lei de cambio climático se exclúan as actividades sustentábeis do complexo mar-industria para protexer o emprego.

En rolda de prensa, a fronte nacionalista criticou a campaña de intoxicación do Partido Popular emprendida nas últimas semanas contra a posición do BNG. Neste sentido, o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas cualificou de “mentiras e falsidades” as afirmacións dos populares coas que pretenderon “terxiversar de maneira ridícula” a postura do Bloque.

Igrexas aludiu de maneira directa ao deputado do PP de Vigo, Diego Gago, a quen acusou de “falsear publicamente a posición do BNG”  en relación á tramitación do proxecto de lei de cambio climático. “Gago atreveuse a atribuírlle ao BNG unha posición diferente da que sostén. Pero o BNG fala só por boca dos seus portavoces do BNG, non por deputados de Más País e moito menos do Partido Popular”, explicou en relación ao intento de atribuírlle á formación nacionalista o voto emitido nunha comisión por un representante de Más País co que o Bloque comparte un grupo parlamentar no Congreso de carácter técnico, pero non político.

“Se cadra, o señor Gago o que pretende con esta campaña é desculpar ou atenuar a súa notábel ausencia na acción política en defensa dos intereses de Vigo na súa labor parlamentaria, como deixa en evidencia a falla de iniciativas políticas no Congreso en relación a Vigo”, ironizou o edil nacionalista.

Desde o Bloque cargan tamén contra o cinismo do Partido Popular ao tentar erixirse como defensor do complexo mar-industria, lembrando que os populares “non teñen reparos en apoiar recheos que si ameazan a sustentabilidade e o futuro do sector, ou de pastelear co PSOE en Bruxelas para dar carpetazo á investigación comunitaria sobre a falla de saneamento da ría de Vigo”. Aliás, lamentan o “silencio covarde” de PSOE e Unidas Podemos a respeito do alcance que vai ter a lei en relación ao tecido produtivo instalado na costa.

Emenda ao artigo 18

A deputada no Parlamento glaego, Alexandra Fernández, aclarou que para o BNG “abordar o cambio climático é unha tarefa que non se pode demorar” e afirmou que a fronte nacionalista aposta de maneira decidida por medidas para reducir a pegada ecolóxica dos procesos produtivos e protexer a biodiversidade. No entanto, advirte de que o proxecto de lei en tramitación ten aspectos amplamente mellorábeis e incorpora unha óptica centralista que ignora a realidade galega.

En concreto, Fernández denuncia que o artigo 18 da lei de cambio climático supón unha modificación agochada da lei de Costas que impón unha visión “desde Madrid” que non ten en conta o tecido produtivo. Para as nacionalistas a actual redacción deste artigo ameaza a continuidade dun importante número de postos de traballo. “Non pode tratarse igual a industria sustentábel e ben integrada de actividades ligadas ao mar que outro tipo de industrias”, defendeu. É por iso que o BNG formulou diferentes emendas e agora promove unha transaccional co obxectivo de reconfigurar este artigo para evitar que desertice o complexo mar-industria, excluíndo aqueles usos que sexan sustentábeis e que estean vinculados ao mar.

Fernández subliñou tamén outras propostas trasladadas polo BNG para avanzar nunha mellor protección do medio natural e tamén iniciativas, como o proxecto Galiza Next, para aproveitar os fondos de reconstrución para avanzar en termos de sustentabilidade ambiental.

Pola súa banda, a deputada, Carmela González, enfatizou a importancia das actividades produtivas ligadas ao complexo mar-industria, como son o marisqueo, a depuración de produtos do mar, a conserva ou os cocedoiros, entre outros, afirmando que “son estratéxicas para ao País, xeran millares de postos de traballo e dinamismo económico e son absolutamente sustentábeis e que, polo tanto, poden manterse na costa”. González contrastou esa realidade con outros usos “agresivos, nocivos e contaminantes” como o caso de Ence, que como leva anos a defender o BNG, non poden continuar instaladas no litoral.

A fronte nacionalista chama ao resto de forzas políticas, e singularmente a PP, PSOE e Unidas Podemos, a apoiar a emenda transaccional presentada polo deputado Néstor Rego, para protexer o sector e evitar a súa desertización. 

Comentarios