El portavoz del BNG en Vigo anuncia que llevarán al Parlamento y al Congreso la continuidad de la actividad naval en el antiguo Vulcano

|

  • A deputada, Carmela González, e o concelleiro, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro con representantes do Comité de Empresa do antigo Vulcano.
  • Critican o silencio do Goberno municipal de Vigo e instan o alcalde, Abel Caballero, a opoñerse a calquera intento de resolver a actual concesión portuaria até que haxa garantías de continuidade do estaleiro.
  • Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que se feche un estaleiro fundamental para a construción naval de Vigo para poñer contedores. Esta parcela ten que dedicarse, si ou si, a reparar e construír barcos





O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar unha nova ofensiva institucional para garantir a continuidade da actividade naval no antigo estaleiro Vulcano. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha batería de iniciativas tanto no Congreso, como no Parlamento galego, e dirixirase ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para instalo a que o Concello de Vigo se opoña á calquera intento no seo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de resolver a concesión portuaria en vigor.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron esta mañá un encontro con representantes do Comité de Empresa da antiga Vulcano, hoxe estaleiro “San Enrique”. No mesmo, puxeron en común a preocupación polas consecuencias que se poidan derivar da recente sentenza do Tribunal de Conflitos da Xurisdición ditada sobre a concesión portuaria do estaleiro de Teis.

Igrexas denunciou que a actual situación de incerteza que ameaza a continuidade do estaleiro é “resultado de dous factores”. “En primeiro lugar, a ofensiva deliberada e descarnada do Partido Popular, na persoa de Enrique López Veiga, que como presidente da Autoridade Portuaria emprendeu unha campaña contra o naval que só perseguía desaloxar o estaleiro para dedicar esta parcela a outros usos”, apuntou. No entanto, para o edil nacionalista esta acción non tería chegado tan lonxe de non contar coa “complicidade do Goberno español, de PSOE  e Unidas Podemos”. Neste sentido, denunciou o papel xogado pola avogacía do Estado durante o proceso de liquidación de Vulcano e singularmente a actuación do daquela Delegado do Goberno en Galiza, Javier Losada, que xirando un oficio de inhibición contra o Xulgado do Mercantil acabou desatando o proceso que desembocaría na recente sentenza.

Outros usos, non

Desde o Bloque expresaron o seu “rexeitamento total” á posibilidade que volveu abrir onte o actual presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, de que a concesión portuaria poida destinarse a outros usos distintos do naval. “Non podemos permitir que se feche un estaleiro fundamental para a construción naval de Vigo para poñer contedores. Esta parcela ten que dedicarse, si ou si, a reparar e construír barcos”, esixen.  Igrexas explicou que a sentenza só recoñece a potestade da Autoridade Portuaria para decidir sobre a finalización da concesión, vixente até decembro de 2027, pero que esa resolución requirirá dun acordo expreso do Consello de Administración, na que está representando o Concello e outras administracións públicas.

Silencio municipal

O portavoz municipal nacionalista cargou tamén contra o “silencio” do Goberno local. “Sorprende que Abel Caballero que é comentarista de todo, non teña dito unha soa palabra sobre un asunto tan importante para a economía e o emprego en Vigo, como é o futuro deste estaleiro centenario”, reprochou, para de seguido anunciar que se dirixirán ao rexedor para instar que o Concello de Vigo se opoña a calquera intento de resolver a actual concesión portuaria até que haxa “garantías reais e efectivas” de que esta parcela non se vai destinar a outro uso que á actividade industrial naval.

“O Concello non pode ser cómplice dunha operación escura que o que quere é converter un estaleiro emblemático nunha terminal de contedores”, advertiu.

Parlamento e Congreso

Pola súa banda, a deputada, Carmela González, deu conta de que o BNG vai rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza, como xa o vén de facer o deputado, Néstor Rego, no Congreso, co obxectivo de “aclarar a posición de PSOE e PP e digan claramente que futuro queren para o antigo Vulcano”.  González, sinalou que ambos os dous partidos teñen representación no Consello de Administración da Autoridade Portuaria e que gobernan no Estado e en Galiza. “Está nas súas mans evitar que este estaleiro emblemático desapareza dándolle un golpe letal ao conxunto do sector naval”, enfatizou.

As iniciativas nacionalistas recollen a esixencia de que tanto Xunta como Goberno español “adopten todas as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade e o emprego ligado ao sector naval” nas instalacións do antigo Vulcano.

Comentarios