El BNG de Vigo le exige al Gobierno municipal que actúe frente los graves incumplimientos de la UTE de parques y jardines

|

  • Xabier P. Igrexas: “Hai que acabar coa barra libre do Concello coas grandes empresas adxudicatarias. Non podemos permitir que en empresas que reciben millóns de euros de diñeiro público se vulneren dereitos laborais e se incumpra o prego de adxudicación”.

  • A fronte nacionalista trasladoulle o seu “total apoio” ao Comité de Empresa a poucos días do inicio dunha folga indefinida no servizo.




  • O Bloque Nacionalista Galego vén de esixirlle ao Goberno municipal de Vigo que actúe fronte os graves incumprimentos da UTE que xestiona o servizo de mantemento de zonas verdades da cidade. A formación nacionalista advirte que non se pode permitir que unha empresa que recibe millóns de diñeiro público do Concello de Vigo vulnere dereitos sindicais e laborais e non se cumpra o prego de adxudicación.

    O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo na mañá deste mércores un encontro co presidente e o secretario do Comité de Empresa da UTE Acciona Medio ambiente-Mantén, Alfredo Filgueira e Marcos Álvarez, para poñer en común a situación do servizo que vén de motivar a convocatoria dunha folga indefinida a partir do vindeiro luns 19 de abril.

    Igrexas recolleu a denuncia de “graves incumprimentos” por parte da UTE, entre os que mencionou o impago do plus de tóxicos ao cadro de persoal, o incumprimento do convenio colectivo no proceso de cambio de empresa adxudicataria, ou a modificación “unilateral, ilegal e sen negociación” da xornada de traballo que dificultará a conciliación de vida persoal e familiar e a laboral.

    Menos persoal do esixido

    Un dos aspectos máis preocupantes para o concelleiro do BNG é o “flagrante incumprimento” por parte da UTE no relativo á contratación de persoal. “Estanse a facer contratos a tempo parcial e o que é máis grave, non se está a garantir o mínimo de 109 traballadores e traballadoras en activo”, denunciou. Neste sentido, apuntou que a dotación de persoal é “moi axustada” para atender debidamente os preto de 3 millóns 100 mil metros cadrados de superficie de zonas verdes, lembrando que con menos extensión hai unha década chegaron a traballar 130 persoas no servizo.

    O edil nacionalista subliñou que a finais do pasado ano 2020 se adxudicou o servizo por 33,6 millóns de euros durante os próximos 5 anos. Por iso, esixiulle ao Goberno municipal que actúe de maneira inmediata para atallar a situación denunciada polo Comité de Empresa a quen lle trasladou o seu completo apoio a poucos días de que se inicie a folga indefinida.

    “Abel Caballero non pode volver dicir que isto non vai con el. Porque falamos dun servizo municipal, pagado con moito diñeiro das viguesas e vigueses e por iso non podemos permitir que nel se vulneren dereitos laborais e se incumpra de maneira flagrante. Hai que acabar coa barra libre do Concello coas grandes empresas adxudicatarias”, remachou.

    Comentarios