Feijoo destaca que la estación de autobuses de la intermodal de Vigo estará lista la final de año

|

  • Agradece a suma de esforzos e o entendemento entre administracións que fixo posible materializar este gran proxecto polo que pasarán en torno a dous millóns de pasaxeiros ao ano
  •  Lembra que o Goberno galego destinará á intermodal de Vigo un total de 18 millóns de euros e salienta que o intercambio entre o autobús e o tren, que agora require desprazarse, completarase en apenas un ou dous minutos
  •  Reitera o compromiso da Xunta co Vigo do século XXI, para facer cidade a través de infraestruturas e servizos de referencia





O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a estación de autobuses da intermodal de Vigo estará lista a final de ano para integrarse no nodo de transporte público máis importante de Galicia, polo que pasarán en torno a dous millóns de pasaxeiros ao ano e no que prevén operar preto de 500 expedicións de autobuses cada día.

Logo de incidir en que esta terminal de autobuses, cofinanciada con fondos Feder do programa operativo 2014-2020, estase a executar conforme aos prazos, Feijóo aproveitou a visita ás obras para agradecer a suma de esforzos e o entendemento entre administracións que fixo posible materializar este gran proxecto.

Así mesmo, reiterou o compromiso da Xunta co Vigo do século XXI, para facer cidade a través de infraestruturas e servizos de referencia, como: a depuradora de Lagares; o hospital público Álvaro Cunqueiro; a futura Cidade da Xustiza; o albergue de peregrinos de Bouzas; “ou esta gran estación intermodal, na que o Goberno galego destinará un total de 18 millóns de euros”, aseverou, recordando que o intercambio entre o autobús e o tren, que agora require desprazarse, completarase en apenas un ou dous minutos.

Nesta mesma liña, resaltou tamén o impulso de novas actuacións esenciais, como a segunda ampliación de Ifevi ou a ampliación do barrio de Navia.

Por outra banda, Feijóo referiuse á necesaria estación pasante que se converterá na primeira pedra do corredor de mercadorías do Atlántico e do tren de alta velocidade con Portugal. “Unha Saída Sur que traerá pasaxeiros e un ramal cara ao porto”, engadiu.

O presidente do Executivo galego concluíu reiterando ademais a aposta da Xunta polo transporte público, como demostra o Plan de transporte metropolitano que, ademais de bonificar tres millóns de viaxes en autobús na área de Vigo cada ano, permite que os menores de 21 anos realicen eses percorridos completamente gratis.

Comentarios