Marta Fernández-Tapias y la Asociación Veciñal Novo Vigo presentan Navia con el Xacobeo en el marco del programa de “Tu Xacobeo"

|

  • A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca a labor de promoción das dez rutas do Camiño de Santiago a través desta iniciativa
  • O proxecto que se desenvolverá no vindeiro cinco de xuño consiste en varias accións presenciais e dixitais que xirarán entorno ao “Camiño de Navia


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a Asociación Veciñal Novo Vigo presentaron hoxe Navia co Xacobeo, unha iniciativa enmarcada no programa de “O Teu Xacobeo”.

O proxecto, que se desenvolverá o vindeiro 5 de xuño, consiste en varias accións presenciais e dixitais que xirarán entorno ao Camiño de Santiago e dez das vías xacobeas; o Camiño de Fisterra e Muxía, a Vía da Prata, o Camiño Inglés, o Camiño Primitivo, o Camiño Norte, a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, o Camiño de Inverno, o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa.

Neste sentido, a representante autonómica destacou o labor de divulgación e promoción dos camiños a través desta iniciativa á que o Goberno galego achega 14.000 euros. Así, detallou que os participantes deberán pasar polas cinco carpas, puntos de información sobre as etapas e aspectos de interese das dez rutas, para selar a “Compostelana de Navia”. Haberá un código QR para acceder a toda a información de xeito dixital e unha vez seladas as rutas, os camiñantes dirixiranse á urna no punto indicado como “Santiago de Compostela” onde poderán acceder a un lote de premios. .

Asemade, e co obxectivo de dar a coñecer os produtos vinculados ás diferentes etapas do Camiño, situaranse entre os puntos informativos dez postos de ventas xestionados directamente polos comerciantes.

Unha actividade na que a música tamén estará presente con pasarrúas e que se completa con outras accións en formato dixital, ideadas para reducir os riscos derivados da crise sanitaria, con varias actividades lúdicas como obradoiros ou contacontos.

Fernández-Tapias subliñou que pese ao coronavirus a xente mantivo estes meses as gañas de viaxar e de camiñar a Galicia. Así, indicou que o lema “Camiña a Galicia” invita precisamente “a recuperar a ilusión por un turismo seguro, facer o camiño e

retomar este Xacobeo para que, pouco a pouco, sexa o que todo o mundo desexa e recorda”. Por todo insto, convidou aos participantes de Navia co Xacobeo a completar algún dos tramos do Camiño e a aproveitar os valores que ofrece Galicia e as rutas xacobeas como destino seguro.

Eventos como este demostran, en opinión da delegada, que o Camiño e o Xacobeo están en Vigo e que “a cidade vai xogar un papel fundamental neste Ano Santo como non podía ser doutro xeito”. Así, tras sinalar que o Camiño é o maior patrimonio cultural do que podemos presumir os galegos e, por tanto, os vigueses agora que hostaleiros e comerciantes o teñen sinalizado, avanzou que a medida que se vaia retomando a normalidade haberá máis propostas e proxectos para Vigo no marco da programación do Xacobeo.

“O Xacobeo está presente en Vigo a través do Marisquiño, do Vigo Porté Xacobeo e da ruta Iacobus Maris e o estará aínda máis xa que a cidade está na axenda da Xunta para este Ano Santo”, afirmou.



Comentarios