El BNG de Vigo denuncia que el Gobierno municipal viene de impedir el acceso de la oposición al expediente del nuevo PGOM

|

  • Xabier P. Igrexas: " É hora de quitar o PXOM da escuridade dos despachos. É hora de poñer luz, de máis transparencia, de máis información e, sobre todo, de máis participación, para termos un PXOM de toda a cidade e non só duns poucos”,






O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar que o Goberno municipal de Vigo decidiu impedir o acceso dos grupos políticos da oposición ao expediente do novo PXOM, ao que tiñan acceso permanente desde maio de 2020. A fronte nacionalista reitera a crítica pola “opacidade e escurantismo” co que o executivo de Abel Caballero está a abordar a elaboración do novo planeamento urbanístico.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que, segundo lle confirmaron técnicos municipais, foi unha orde da concellaría de Urbanismo a que motivou que se lles retirara a todos os grupos políticos da oposición o acceso ao expediente municipal do novo PXOM. Igrexas lembrou que foi a petición da oposición e por un compromiso expreso da concelleira María Xosé Caride, recollido en acta dunha sesión da Xerencia Municipal de Urbanismo, o que logrou que se tivese acceso permanente ao referido expediente a través do aplicativo de xestión dixital do Concello.

“Tivemos acceso desde maio de 2020, o que nos permitía cando menos ter constancia da situación da tramitación administrativa do novo PXOM, pero foinos retirado desde o día de onte por unha decisión política do Goberno local”, denunciou.

Unha medida que para Igrexas agrava a dinámica de “total escurantismo, falla de información e nula participación” coa que se está a abordar polo executivo de Caballero a elaboración do novo plan.  “Que queren agochar con esta decisión? Que é o que non queren que saibamos?”, preguntouse o portavoz municipal nacionalista.

O BNG xa solicitou formalmente, a través dun escrito rexistrado na secretaría xeral do Pleno, que se lle volva habilitar de maneira inmediata o acceso permanente ao expediente para coñecer a súa evolución “en tempo real”

“É hora de quitar o PXOM da escuridade dos despachos. É hora de poñer luz, de máis transparencia, de máis información e sobre todo de máis participación, para termos un PXOM de toda a cidade e non só duns poucos”, remachou Igrexas

Comentarios