El BNG de Vigo critica que no se haya dado "ni un paso" para construir el instituto de Navia

|

  • Interpelarán o Goberno municipal na Xerencia de Urbanismo a respeito da cesión dos terreos necesarios.
  • Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que a Consellaría de Educación veña de recoñecer que non houbo ningún avance para dotar Navia do instituto que necesita e merece".
  •  A fronte nacionalista denuncia que a falla de cooperación entre Xunta e Concello estea a frear a posta en marcha do novo centro educativo.



O Bloque Nacionalista Galego criticou a falla de avances de cara a dotar o barrio de Navia, en Vigo, dun instituto de secundaria. A fronte nacionalista interpelará este martes o Goberno municipal de Vigo, na Xerencia de Urbanismo, para coñecer en que situación está a cesión de terreos. Afean que a Xunta de Galiza o único que teña feito sexa dotar unha partida de apenas 50 mil euros para elaborar o proxecto, inda pendente.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou inaceptábel que a Consellaría de Educación veña de recoñecer de maneira expresa que non se produciu ningún avance para facer realidade o prometido novo IES para Navia. "A Xunta do PP non ten feito absolutamente nada para que o instituto de Navia deixe de ser unha promesa eterna e se materialice", criticou. O edil lembrou que o instituto é unha reivindicación de longo tempo por parte da veciñanza do barrio e que é imprescindíbel para poñer fin ao "disparate" de que o alunado de Navia teña que deslocarse até Valadares, a dez quilómetros, para cursar a secundaria ou o bacharelato.

Igrexas vén de anunciar que interpelará o Goberno local no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que se celebrará este martes, para coñecer en que situación se atopa o proceso administrativo para a cesión dos terreos necesarios para construír o novo centro educativo. "Queremos coñecer a verdade, para saber que teñen feito Concello e Xunta en favor do instituto de Navia", explicou.

Lea partidista

O portavoz municipal nacionalista considera "irracional e surrealista" que a falla de cooperación entre as administracións galega e local estea a frear a posta en marcha dunha dotación tan importante como un instituto. "Este é un exemplo claro de como na lea permanente entre Feixóo e Caballero, entre Xunta e Concello, quen perde sempre é Vigo, son as viguesas e os vigueses. Non ten xustificación que non poidan colaborar nin para facer realidade un novo instituto que tanto PP como PSOE din querer para Navia", reprochou, pedindo expresamente que retiren este asunto da seu "continuado pimpampum electoralista".

Desde o Bloque lembran que levan meses formulando diferentes iniciativa e interpelacións no Parlamento galego, esixindo un compromiso claro por parte da Xunta que garanta que Navia conte cun centro de secundaria propio no menor prazo posíbel, tal e como prometeu o propio Partido Popular nas últimas eleccións galegas, en xullo do ano pasado. 

Comentarios