El BNG de Vigo presenta su hoja de ruta para los próximos dos años con el objetivo de convertirse en fuerza determinante en 2023

|

  • A fronte nacionalista pon en valor que son “a forza en ascenso” e traza as liñas de traballo “a pé de rúa” para “multiplicarse” en 2023 e empurrar unha alternativa en positivo fronte a “inercia anémica” da actual equipa de Goberno.
  • A Asemblea Local aberta do BNG vigués valorou “moi positivamente” o traballo realizado na primeira metade do mandato e que cristalizou en máis de 435 propostas e iniciativas.
  • Xabier P. Igrexas: “Un Goberno que coa maior maioría e co maior orzamento da historia da cidade, deixa sen gastar 6 de cada 10 euros dos investimentos presupostados, é a definición dun goberno aparencial e impotente






O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente, nun almorzo informativo, a perspectiva e liñas de traballo coas que encarar os dous anos que restan de mandato municipal. A fronte nacionalista afirma como obxectivo “multiplicar” a súa representación no Pleno para se configurar como unha forza “determinante” na política local.

O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, deu conta das conclusións da asembea local aberta da fronte nacionalista decorrida a semana pasada e na que, segundo apuntou, “fíxose unha valoración unanimemente positiva do grande traballo realizado nestes dous anos”. Otero, salientou a “grande unidade interna” do Bloque en Vigo, cunha “militancia moi ilusionada e activa para empurrar desde abaixo o proxecto de cambio para a cidade”.

Aproveitando que se cumpren dous anos do pleno de toma de posesión, decorrido o 15 de xuño de 2019, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que coa súa entrada na corporación “culminouse o proceso de retorno do nacionalismo galego ao Pleno da principal cidade de Galiza”. “Ese retorno supuxo un punto de inflexión, tanto para o propio BNG como, sobre todo, para a cidade”, afirmou.

Igrexas lembrou que na súa toma de posesión explicitou o compromiso do Bloque de non se sumar ao “pim pam pum estéril” que, na súa opinión, marcara o mandato municipal anterior. “Desde o primeiro momento esforzámonos por poñer o foco nos problemas reais da cidade e en ofrecer respostas en positivo ás necesidades das viguesas e dos vigueses”, valorizou.

Como balanzo deste primeiro treito do mandato, Igrexas asegurou “con humildade e sen atisbo de autocompracencia” que o BNG “ten desenvolvido unha importante intervención social e institucional, atinxindo unha relevancia cualitativa moi por acima da súa representatividade numérica na Corporación e salientando como referencia entre as forzas políticas da oposición”.

Unha andaina que sintetizou nas “máis de 435 iniciativas, propostas ou posicionamentos públicos do BNG de Vigo” desde xuño de 2019, resultado dunha actuación “continuada e permanente” e da estreita colaboración cos movementos sociais da cidade.

O portavoz municipal nacionalista puxo en valor a orientación do traballo realizado e que estivo marcada por un “contraste propositivo, acompañando cada crítica e cada denuncia, dunha alternativa en positivo e dunha proposta concreta”. Tamén subliñou que o BNG, a diferenza doutras forzas, para alén de axir como forza de oposición esixente fronte ao actual Goberno municipal mantivo unha posición firme e crítica fronte as políticas de abandono que a Xunta, e tamén o Goberno español, aplican contra Vigo.

As cuestións relativas a problemáticas sociais e laborais, o medio ambiente, a cultura, a defensa dos servizos públicos, ou a demanda dunha mellora substancial da mobilidade en Vigo, foron en termos xerais os asuntos nos que pivotou a meirande parte do traballo da fronte nacionalista, prestando ademais especial atención ao abandono que padecen os barrios e parroquias.

No balanzo nacionalista tense moi presente que este período estivo marcado pola pandemia do coronavirus e os seus efectos, que encararon “redobrando esforzos e sen reducir a nosa iniciativa e intervención social e política”. “Estou certo que o BNG acertamos cando decidimos enfrontar este contexto desde un afán sincero de cooperación co Goberno municipal, desde a lealdade institucional. Non quixemos xogar a canto peor mellor, senón que sumamos para tentar robustecer a capacidade de resposta da cidade fronte a crise do coronavirus”, explicou Igrexas, resaltando as máis de 70 propostas que o Bloque trasladou ao Comité de Seguimento Municipal da Covid19.

Para Igrexas estes dous anos verifican que o Goberno municipal de Abel Caballero está instalado nunha “inercia anémica”. “Non teñen nada máis que ofrecer que máis do mesmo: titulares, infografías, grandes anuncios e promesas. Pero ao tempo insisten en seguir desatendendo as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e no total abandono dos nosos barrios e parroquias”, resumiu. “Un Goberno que coa maior maioría e co maior orzamento da historia da cidade, deixa sen gastar 6 de cada 10 euros dos investimentos presupostados, é a definición dun goberno aparencial e impotente”, acrecentou.

Desde o Bloque critican as decisións de prorrogar as concesións d auga e do transporte público, que demostran “o afán de Caballero por seguir avanzando e cronificando na privatización do Concello”, así como o “total escurantismo” co que se está a elaborar o novo PXOM.

Perspectivas e liñas de traballo

Cos ollos postos no futuro, o BNG vigués afírmase como “a forza política en ascenso na cidade”, poñendo en valor o continuado incremento no apoio social rexistrado nos dous últimos anos, e que tiveron a súa tradución nun importante medre electoral nos comicios xerais e nas eleccións ao Parlamento galego.

Nesa perspetiva, o obxectivo das nacionalistas na cidade olívica “non é apenas consolidar a nosa representación, senón multiplicarnos para volver ser unha forza determinante na política local que empurre a mudanza en positivo que necesita a cidade”.

A folla de ruta do BNG para os vindeiros meses e co horizonte en maio de 2023 para por continuar a afianzar o perfil político propio do Bloque “como alternativa transformadora ao servizo do País e das clases populares e traballadoras, desde as coordenadas do nacionalismo e da esquerda, axindo como unha alternativa en positivo fronte as políticas fracasadas do actual Goberno municipal e o abandono que a cidade padece da Xunta e de Madrid”

Para iso iniciarán un proceso “amplo e participativo, aberto a persoas que non son do BNG pero que cren que a cidade merece máis” para avanzar na actualización e definición do seu proxecto de cidade alternativo, e que pretenden sintentizar nun documento antes de finais deste 2021.

Aliás, anunciaron que porán en marcha un programa de accións, propostas e alternativas fronte aos efectos sociais, laborais e produtivos que está a ter a crise do coronavirus, co obxectivo de demandar que o Concello se configure como un ‘parapeto social’. “Non se poden seguir ignorando as filas da fame, as 60 mil persoas en risco de exclusión social, millares de mozas emigradas ou a grave crise industrial e laboral que atravsa a cidade”, reclamou Igrexas.

Seguir a estreitar e intensificar ao relacionamento cos movementos sociais e aumentar a presenza nos barrios e parroquias, activando todas as súas estruturas e apostando por “inda máis política a pé de rúa”, serán outros dois eixos, así como reforzar o traballo nos ámbitos ambiental, cultural, do feminismo e as políticas para a mocidade.

No inmediato a fronte nacionalista porá en marcha campañas en relación ao novo PXOM e para demandar a mellora substancial do transporte urbano.

Comentarios