El presidente Alberto Núñez Feijó asistió hoy al acto de entrega de las banderas azules 2021 en la Playa de Rodas de las Islas Cíes

|

  • Resalta o esforzo realizado polos municipios para acadar os estándares de esixidos e subliña que, un ano máis, Galicia mantense nos primeiros postos de toda España, cunha de cada cinco de todas as distincións nacionais



  •  Conscientes da necesidade de apostar por un turismo responsable e sostible, pon en valor o grande reclamo turístico que para Galicia supoñen as illas do Parque Nacional
  •  Avanza un investimento de 20 millóns de euros nas Illas Atlánticas que se sumarán aos máis de 15 millóns investidos nos últimos cinco anos


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que os 155 galardóns azuis acadados este ano reforzan a imaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sustentable.

Durante o acto de entrega das bandeiras azuis 2021, na Praia de Rodas das Illas Cíes, Feijóo aseverou que estes 155 recoñecementos poñen en valor os máis de 2.000 quilómetros de costa e o patrimonio natural cos que contamos.

Así, os areais galegos reciben en total 111 bandeiras azuis -catro máis que o ano pasado-; os portos deportivos 11; e para premiar as iniciativas a prol da educación ambiental e o mantemento de sendas naturais de especial relevancia, resultaron galardoados tamén 13 centros azuis e 20 sendeiros, situándonos no primeiro posto nacional en canto a estes itinerarios que contribúen ao uso sostible do litoral.

Diante destas cifras, recordou que, un ano máis, Galicia mantense nos primeiros postos de toda España, cunha de cada cinco de todas as distincións nacionais. Un dato aínda máis relevante se se ten en conta que España lidera o ránking mundial de bandeiras azuis.

Feijóo aproveitou o acto para resaltar o esforzo realizado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid. Ao respecto, subliñou tamén as iniciativas postas en marcha pola Administración autonómica para que os viaxeiros veñan coa seguridade que esperan, entre as que resaltou: o rexistro de viaxeiros, o certificado dixital de vacinación, test de antíxenos nos aeroportos e o seguro covid.

Así mesmo, agradeceu ao persoal das Illas Cíes o traballo que desenvolven neste espazo para preservalo; e reiterou o compromiso da Xunta neste eido, reflectido no Plan reitor do Parque, aprobado en 2018, e nun investimento de máis de 15 millóns de euros nos últimos cinco anos. “E xa temos previsto destinar 20 millóns de euros máis nos seguintes cinco anos”, dixo, demandando tamén unha maior implicación do Goberno central e que teña en conta a singularidade de contar cun Parque insular.

“Estamos nun lugar recoñecido pola súa beleza e preservación natural a nivel internacional e agardamos afianzar este recoñecemento proximamente coa candidatura que desde a Xunta impulsamos para que as Illas Atlánticas sexan declaradas Patrimonio da Humanidade”, engadiu.

Nesta mesma liña, e a falta tan só de que a Unesco ratifique a inclusión na Lista Ramsar de humidais, o titular da Xunta recordou que as Illas Atlánticas xa poden presumir de concentrar algunhas das principais figuras de protección medioambiental que existen -Parque Nacional, Rede OSPAR de áreas mariñas protexidas; Zona de Especial Protección para as Aves; Zona de Especial Conservación; e Lugar de interese Comunitario-.

Conscientes da necesidade de apostar por un turismo responsable e sostible, Feijóo concluíu poñendo en valor o grande reclamo turístico que para Galicia supoñen as illas do Parque Nacional. Non en van, desde o 15 de maio, xa visitaron o parque -Cíes e Ons- preto de 18.000 persoas.

Comentarios