El BNG de Vigo critica que el alcalde solo le ofrezca al comercio “banda sonora en modo orquesta del Titanic” en lugar de ayudas directas

|


  • A fronte nacionalista insiste en demandar que se poña en marcha unha liña de axudas ao pequeno e mediano comercio e a hostalaría.
  • Xabier P. Igrexas: “ Está moi ben que haxa música na rúa e que se reactiven as actividades culturais nos barrios, pero o que precisa o pequeno e mediano comercio son axudas de verdade”.


O anuncio por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que se vai iniciar un programa de actuacións musicais nos barrios dentro dunha pretendida campaña de promoción do comercio local, motivou as críticas do Bloque Nacionalista Galego, que consideran que non dá resposta ás demandas do sector que leva desde o inicio da pandemia demandando axudas directas.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reaccionou ao anuncio do rexedor saudando positivamente a decisión no que ten de “rectificación da política de desertización cultural” que practica desde hai anos o actual goberno local. Neste sentido, lembro que entre outros programas, liquidouse o MoveVigo, que se desenvolvía en colaboración co movemento veciñal, ou o Vigo a Escena, que eran, segundo Igrexas, “programas que levaban maneira permanente e descentralizada a cultura aos barrios”.

No entanto, para o portavoz municipal nacionalista esta medida non atende o reclamo que desde o inicio da pandemia realizou de maneira reiterada o sector comercial da cidade demandando que se habiliten liñas de axudas directas. “O que precisa o pequeno e mediano comercio son axudas reais e efectivas, como as que están a despregar outros concellos, pero Abel Caballero o que lles ofrece é unha banda sonora en modo de orquestra do Titanic para acompañar musicalmente o feche de estabelecementos e que sigan aparecendo cada día máis carteis de ‘alúgase’ ou ‘véndese’ for ceses de actividade”, reprochou con ironía Igrexas.

Desde a fronte nacionalista subliñan que Vigo é a única cidade galega que “non destinou nin un só euro en axudas directas para amortigüar o durísimo impacto da crise derivada da pandemia”.

O BNG propuxo xa no inicio da pandemia a posta en marcha dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego que incluíse unha partida de, como mínimo, 10 millóns de euros para axudar ao comercio e a hostalaría. Recentemente, demandaron tamén a extensión ao tecido comercial da exención da taxa do lixo anunciada só para a hostalaría e locais de lecer nocturno.

“Está moi ben que haxa música na rúa e que se reactiven as actividades culturais nos barrios, pero o que precisa o pequeno e mediano comercio son axudas de verdade”, remachou Pérez Igrexas.


Comentarios