Feijóo destaca que Vigo inicia el verano con el albergar que precisaba para celebrar un año santo bianual que supondrá un impulso para el camino portugués y para la ciudad

|

  • Subliña que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas
  •  Afirma que a partir do 1 de xullo estarán en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública
  •  Refírese ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica
  •  Destaca que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta do Goberno galego pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo; non en van, ata o de agora, xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras máis




O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade.

Durante o acto de inauguración do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, Feijóo recordou que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas, nun espazo distribuído en 7 habitacións, ademais de dispoñer de cociña, comedor, zona de lecer e aseos.

Nesta mesma liña, subliñou que ata finais de ano levaranse a cabo actuacións en 28 albergues públicos, co obxectivo de mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e eficiencia enerxética nos edificios, a mellora ambiental e a conservación do patrimonio. Así, no Camiño Portugués executaranse traballos en 4 albergues: no Virxe da Peregrina de Pontevedra, no de Teo, no de Porriño e no de Valga.

Todo elo co obxectivo de que o vindeiro 1 de xullo estean en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública.

Ao longo da visita, Feijóo referiuse ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo

21-22 unha oportunidade de recuperación económica. Ao respecto, destacou os actos levados a cabo con distintas comunidades en Liébana e en Logroño; a recente visita a Portugal para abordar co presidente do país e co primeiro ministro a oportunidade que supón o Camiño para ambos territorios; e avanzou que o 12 de xullo reuniranse en Roncesvalles, nun acto presidido polo rei Felipe VI, todas as comunidades polas que pasa o Camiño Francés.

Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer á hostalería de Vigo a súa implicación, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués, e a súa colaboración na sinalización da ruta. Resaltou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro.

Sobre este punto salientou a seguridade nos albergues, cun sistema de reservas online; a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros en caso de que enfermen durante a súa estancia na comunidade; e os apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.

Feijóo concluíu subliñando que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta da Xunta pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo. Non en van, ata o de agora xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras para obter 14 novas vivendas e dous locais.

Comentarios