El BNG de Vigo demandará en el Pleno medidas contra la subida de la luz

|


  • Rexeitan a modificación do sistema tarifario aprobada polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos polo seu “grave impacto” nas persoas consumidoras e PEMEs.
  • Reclaman que se reduza, de maneira permanente o IVE ao 4%, a retirada de impostos e peaxes que non teñen a ver co consumo, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega e a creación dunha empresa pública galega de enerxía
  • Xabier P. Igrexas: “O debate non pode ser a que hora hai que poñer a lavadora, senón porque os custes eléctricos de poñela son agora un luxo inasumíbel para as familias traballadoras”.





O Bloque Nacionalista Galego levará a problemática derivada do incremento da factura eléctrica ao Pleno do Concello de Vigo. A fronte nacionalista rexeita a modificación tarifaria recentemente aprobada polo Goberno español. Ademais, diante das insuficientes medidas correctoras adoptadas polo executivo de Madrid, reclaman que se reduza, de maneira permanente, o IVE ao 4%, a retirada de impostos e peaxes que non teñen a ver co consumo, e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que rebaixe os custes e a creación dunha empresa pública galega de enerxía.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que someterán a debate e votación no Pleno do Concello convocado para este mércores.

Igrexas criticou a recente modificación tarifaria aprobada polo Goberno español polo seu “grave impacto” tanto para persoas consumidoras como para o tecido empresarial e comercial. “As novas tarifas van encarecer a factura eléctrica até máximos históricos, e segundo organizacións de consumidoras e consumidoras, iso pode traducirse en aumentos dos custes de até 28 euros mensuais”, advertiu. Esta modificación é especialmente lesiva para aquelas persoas que estaban abonadas a réximes de consumo por discriminación horaria, xa que co novo sistema poderían ver incrementadas as facturas por volta dun 30%.

O portavoz municipal nacionalista alertou, ademais, do impacto que este incremento de custos enerxéticos terá no sector da hostalaría, o comercio e o conxunto das PEMEs, que polas características da súa actividade, concentran o consumo eléctrico nas faixas horarias máis caras.

Intervención pública

Para o BNG as medidas correctoras aplicadas nos últimos días polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos fronte a tendencia alcista dos prezos son “claramente insuficientes”. “Non abonda con rebaixar o IVE ao 10% durante un semestre, nin aplicar un tipo do 0% no imposto de produción eléctrica durante apenas tres meses. Cómpre despregar unha actuación decidida desde o público atendendo ao carácter de ben esencial da enerxía eléctrica”, reclamou Igrexas. “O debate non pode ser a que hora hai que poñer a lavadora, senón porque os custes eléctricos de poñela son agora un luxo inasumíbel para as familias traballadoras”, acrecentou.

Con ese obxectivo a moción nacionalista insta o Goberno español a aplicar unha redución, permanente, do IVE ao 4% %, a eliminar o imposto especial do 5,11%, que se impida que se repercuta o imposto de produción sobre as persoas consumidoras, así como se retiren da factura os cargos e peaxes que non teñen unha relación directa co consumo eléctrico, como as primas ás renovábeis ou os custos extrapeninsulares que deberían ser asumidos con cargo aos Orzamentos Xerais do  Estado.

Por outra parte,  Igrexas defende a necesidade de abordar unha “reforma integral e estratéxica do sistema eléctrico”, que permita despregar unha intervención pública para poñer a produción de enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico do noso País, e que permita garantir o acceso a este subministro esencial a todas as familias, combatendo, de vez, a pobreza enerxética que sofren preto do 15% dos fogares galegos mentres as grandes compañías do oligopolio eléctrico rexistran beneficios mil millonarios. “Dicímolo alto e claro: os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das grandes empresas eléctricas”, enfatizou.

Neste sentido, as nacionalistas avogan pola creación dunha empresa enerxética pública galega, que no inmediato incorpore a xestión dos encoros cuxa concesión vai vencer, así como a participación directa noutras modalidades de xeración eléctrica, para “socializar os beneficios”.

Tarifa eléctrica galega

A moción do Bloque volve urxir tamén a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, que permita que as familias traballadoras e o tecido produtivo do País se beneficien do feito de que Galiza sexa produtora neta de enerxía.

“Galiza é rica en electricidade pero non nos permiten beneficiarnos desa riqueza. Ao contrario, familias e PEMEs pagan cada vez máis pola factura da luz e iso malia soportarmos os custes ambientais e sociais que a produción de electricidade supón para o País, en forma de encoros, de máis de 4 mil aeroxeradores en 106 concellos e a nova ameaza depredadora do boom eólico que promove a Xunta” explicou Pérez Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista defendeu que ter unha tarifa eléctrica propia non é nada “nin estraño nin extraordinario”, tal e como demostra que Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia, Suíza, Alemaña, ou o Reino Unido, xa conten con tarifas diferenciadas e con prezos máis baratos nas zonas produtoras


Comentarios