La delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca la grande aceptación de la programación propuesta con motivo de la apertura del nuevo alojamiento en el Berbés, el primero de la red pública del Camino Portugués

|

  • ÉXITO DA XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO ALBERGUE DE PEREGRINOS DE VIGO CON MÁIS DE 400 VISITAS E A PARTICIPACIÓN DE PRETO 200 NENOS E NENAS NOS TALLERES



A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe o éxito da xornada de portas abertas organizada polo Executivo autonómico con motivo da apertura do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves na praza do Berbés. Así, sinalou que se cumpriu o obxectivo de que os vigueses e viguesas puidesen coñecer de primeira man esta nova infraestrutura antes do inicio da actividade o vindeiro 1 de xullo.

A representante autonómica cifrou en máis de 400 as persoas que onte se achegaron ata a nova edificación para visitar as instalacións e preto de 200 nenos e nenas os que participaron nas actividades lúdicas e talleres organizados para a cativada co motivo da súa inauguración e seguindo estritamente os protocolos da covid-19.

Máis dunha ducia de obradoiros participativos e xogos, para todas as idades, enfocados ás familias e relacionados co Camiño de Santiago e o Xacobeo. Así, destacou a grande expectación xerada polo circuíto de habilidade que reproducía o trazado do Camiño Portugués da Costa, coas tradicionais mouteiras, ao seu paso pola cidade de Vigo; tamén nos talleres de pintado de madeira, de origami ou de estampaxe de follas autóctonas do Camiño.

Asemade, a proposta incluíu tamén talleres tecnolóxicos para dar a coñecer as ferramentas dixitais habilitadas pola Xunta e relacionadas co Camiño, de deseño de chapas e selos de madeira coa sinaléctica oficial e xogos de construción e 3D. Todo isto amenizado con representacións de teatro, danza, malabares e zancudos.

Neste sentido, a representante autonómica fixo fincapé no compromiso do Executivo galego con esta infraestrutura na que a Xunta investiu 1,8 millóns de euros, e destacou a importancia do Camiño e do Xacobeo para as economías locais dos lugares polos que atravesa. “En Vigo seguimos preparándonos para aproveitar a oportunidade que suporá este dobre Ano Santo e que se estenderá ata o 2022”, aseverou, ao tempo no que amosou a súa confianza en que pronto se recuperarán as cifras de récord acadadas polo Camiño Portugués da Costa na época pre-covid.

O aloxamento do Berbés, que estará xa operativo a partir do próximo 1 de xullo ao igual que o resto de albergues da rede pública, permitirá acoller a 93 persoas nun edificio de seis plantas cunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. “Unha nova infraestrutura coa que a Xunta contribúe a transformar a cidade e, nomeadamente, a mellorar a experiencia xacobea”, concluíu Fernández-Tapias.


Thumbnail 20210629ActividadesAlbergue2


Comentarios