El presidente de la Xunta de Galicia visitó esta tarde el XXX Salón del Automóvil, en Vigo

|

  • Destaca a oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation para afrontar estes retos e lembra que a candidatura galega conta con 32 proxectos que permitirían mobilizar arredor de 1.800 M€
  •  Asevera que, a pesar da pandemia, a industria da automoción galega pechou o exercicio de 2020 con cifras máximas de emprego, facturación e exportacións





O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso do Goberno autonómico coa automoción galega e avoga por unha transición “medida e proporcional” para afrontar os retos do sector centrados nas novas enerxías.

Durante unha visita esta tarde ao XXX Salón do Automóbil, en Vigo, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá estando ao lado dun dos sectores estratéxicos para a Comunidade. Así, lembrou que, desde 2009, investíronse máis de 200 millóns para apoiar ao sector a través, por exemplo, de programas de formación; coa posta en marcha da Fábrica intelixente e as Unidades Mixtas de investigación; ou coa aceleradora Business Factory Auto que, nos últimos cinco anos, permitiu o desenvolvemento de preto de 60 proxectos empresariais, sendo recoñecida como a mellor aceleradora nos premios Startups do Sur de Europa en 2019.

Así mesmo, destacou os esforzos que a Administración autonómica está a levar a cabo para proporcionar infraestruturas e servizos que permitan unha mobilidade efectiva a cidadáns e mercancías, reflectido na Estratexia galega de mobilidade e na Estratexia mobilidade eficiente de Galicia 21-30, destinadas a acelerar a transformación cara á unha mobilidade sostible, segura e conectada.

O responsable do Executivo autonómico destacou tamén a oportunidade que neste eido suporán os fondos europeos Next Generation, cunha candidatura galega que conta con 32 proxectos -un deles, a iniciativa Autoancora- que permitirían mobilizar arredor de 1.800 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que as previsións sinalan que en 2040 o 50% dos vehículos serán eléctricos, o 24% de hidróxeno e a facturación asociada ao automóbil e servizos de mobilidade suporán o 12% do PIB.

Por último, aseverou que, a pesar da pandemia, a industria da automoción galega pechou o exercicio de 2020 con cifras máximas de emprego, facturación e exportacións: o emprego directo alcanzou os preto de 25.000 traballadores, cerca de 600 máis que o ano anterior; a facturación superou por vez primeira os 10.000 millóns; e as exportacións medraron ata os 7.300 millóns, unha cifra que equivale ao 34,8% do total das exportacións de Galicia.

Comentarios