El BNG de Vigo pide al Gobierno local que deje de maltratar los y las atletas de la ciudad

|

  • A fronte nacionalista critica o feche durante todo o mes de agosto das pistas de Balaídos e denuncia a deficiente xestión do seu uso e a falla de mantemento das instalacións.
  • Demandan que se retire a esixencia de ter licenza federativa para poder facer uso das pistas por considerala “absurda e inxusta”.
  • Xabier P. Igrexas: “En lugar de apostar polo deporte de base e estimular a práctica do atletismo, a concellaría de Manel Fernández parece buscar o contrario”

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno municipal de Vigo que cese no “continuado maltrato” contra o colectivo de atletas da cidade. Critican o feche durante todo o mes de agosto das pistas de atletismo de Balaídos e denuncian a deficiente xestión do seu acceso e utilización, así como a total falla de mantemento das instalacións.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que “un verán máis o Goberno local vai fechar as pistas de atletismo durante todo o mes de agosto, deixando a cidade sen a única instalación destas características”. O edil imputou esta situación á falla de previsión da concellaría de Deportes e á deficiente xestión das pistas, en mans dunha empresa privada.

Igrexas recolleu as críticas e queixas que lle foron trasladadas por representantes de diferentes ámbitos e sectores do atletismo vigués, sobre a actual organización no acceso e utilización das pistas. “Aplícase de maneira ríxida a restrición de apenas unha hora ou hora e media de uso, a pesar de haber aforo suficiente”, denunciou.

Un dos aspectos máis criticados é o sistema de “reserva previa” para o uso das instalacións. “As continuadas eivas no aplicativo web para solicitar o uso das pistas ten deixado en moitas ocasións a persoas de portas a fóra, por unha cuestión burocrática, privándolles de poder facer uso das instalacións a pesar de haber sitio para facelo”, explica o portavoz municipal nacionalista.

A este respeito Pérez Igrexas reclama que se retire a esixencia de estar federado/a para poder facer uso das pistas. “É absurdo. Isto non sucede noutras instalacións deportivas municipais. Ou alguén entendería que para poder ir a algunha das piscinas da cidade houbera que estar federado/a como nadador ou nadadora a nivel oficial?”, inquiriu.

O requisito da licenza federativa supón unha importante barreira de acceso, que bota por terra o “acceso universal” que durante moitos anos permitiu a centenas e millares de persoas introducirse na práctica do atletismo. É tamén un atranco económico, xa que a licenza tramítase por períodos anuais, e no caso, por exemplo,  da licenza senior ten un custo de máis de 62 euros. “En lugar de apostar polo deporte de base e estimular a práctica do atletismo, a concellaría de Manel Fernández parece buscar o contrario”, reprocha Igrexas.

Falla de mantemento

Ademais mantense a total falla de mantemento das instalacións, como denuncian de maneira reiterada as persoas e clubes que as utilizan. “Temos fosos de area cheos de herbas, colchonetas que non se poden usar, e un total abandono das instalacións interiores”, denuncian, alertando de que hai dúbidas de que todas as instalacións superen a homologación necesaria para albergar as probas do campionato galego que se vai celebrar en Balaídos a partir do día 18 deste mes.

Para o BNG todos estes “atrancos, eivas e deficiencias” para alén de constituír un continuado maltrato contra o atletismo vigués, o único que provocan é dificultar a práctica deportiva.

Comentarios