Rego espera que la nueva Ministra cumpla lo antes posible el acuerdo con el BNG para bajar los peajes de la AP-9

|

  • O deputado nacionalista enviou onte unha carta a Raquel Sánchez lembrándolle o compromiso que figura no acordo de investidura e reclamando que non houbese máis demoras
  • O BNG considera un paso positivo a aprobación hoxe da autorización de gasto plurianual, mais solicita axilidade na tramitación



Tal e como anunciara no pasado sábado nas redes sociais, cando foi coñecida a substitución no Ministerio de Transportes, o deputado do BNG, Néstor Rego, enviou no día de onte (luns, 12) unha carta a Raquel Sánchez en que lle lembra o compromiso estabelecido no Acordo de Investidura asinado entre PSOE e BNG de baixar as portaxes da AP-9 e aplicar descontos aos usuarios recorrentes e lle solicita que a mudanza á frente do Ministerio non derive en novas demoras. A aprobación hoxe polo Consello de Ministros da autorización de gasto até 2048 é unha boa noticia, “mais aínda resta completar unha tramitación administrativa que debe ser feita canto antes”.

Na misiva enviada á nova Ministra, Néstor Rego lembra que entre os compromisos adquiridos polo Goberno está a rebaixa das portaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e a súa transferencia á Galiza, xa en tramitación no Congreso. “Ambos son obxectivos importantes e moi esperados no noso País”.

Rego sinala que para pór fin ao abuso e discriminación coa Galiza que supoñen as elevadas portaxes da AP-9 e “sen renunciar ao obxectivo dunha AP-9 pública, galega e sen peaxes”, o BNG incorporou ao Acordo de Investidura asinado co Partido Socialista en xaneiro de 2020 medidas para paliar o impacto negativo das tarifas. En concreto, como mínimo a bonificación de 100% para usuarios recorrentes, tanto particulares como profesionais, todos os días da semana; a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e a eliminación do incremento de 1% das tarifas acumulativo durante 20 anos, contemplado nos Reais Decretos 1733/2011 y 104/2013.

O deputado do BNG recorda á Ministra que son todas elas medidas necesarias e que, ademais, contan con apoio orzamentario, “polo que entendemos que deberían comezar a aplicarse no día 1 de xaneiro, mais non foi así”. En todo caso, “o Ministerio que agora vostede dirixe comprometeuse publicamente a que entrarían en vigor neste mes de xullo. Está claro que a implementación destas medidas non pode demorar por máis tempo e esperamos que a mudanza no Ministerio non sexa utilizada como pretexto para facelo”, sinala Rego.

O deputado nacionalista valora como un paso positivo a aprobación hoxe polo Consello de Ministros da autorización de gasto até 2048. “É unha boa noticia, mais aínda resta completar unha tramitación administrativa que debe ser feita canto antes”.

En todo caso, Rego salienta que o BNG espera que o acordo sexa cumprido polo Goberno nos termos en que está establecido e sen máis demoras, do mesmo modo que a transferencia á Galiza da infraestrutura, neste momento en tramitación no Congreso.

O deputado nacionalista traslada á Ministra a disposición a manter unha reunión “co ánimo de poder contrastar de forma directa as previsións do Ministerio ao respecto” e engade que sería tamén “unha magnífica oportunidade de abordar conxuntamente o impulso necesario ás infraestruturas na Galiza, especialmente en relación coa rede ferroviaria interna do noso País”.

Thumbnail DSC03888



Comentarios