El comité de empresa de Vitrasa anuncia su intención de convocar movilizaciones

|

Desde o comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, queremos denunciar novamente a difícil situación pola que estamos a pasar no referente ao desenvolvemento da nosa xornada diaria. Aínda que esta reivindicación vén de lonxe, co estado de alarma xerado pola pandemia a situación relaxouse un pouco. Con todo, volvemos atoparnos cun día a día que se complica cada vez máis a medida que se van relaxando as medidas de restrición. Enfrontámonos de novo a horarios imposibles de cumprir, a xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas e á falta de descanso dentro da propia xornada. Todo isto fainos mesmo a temer nalgúns casos pola integridade física dos condutores/as, xa que os episodios de estrés, tensións e ansiedade ao volante están a incrementarse dunha maneira exponencial, chegando a cifras de baixas laborais que xamais contemplaramos. A todo isto únese a inacción da nova dirección da empresa, que unicamente se preocupa da conta de resultados e deixa en segundo plano o benestar do seu persoal e a calidade do servizo ofrecido á cidade de Vigo. Cuestións como a negociación do convenio colectivo -caducado hai máis de seis meses sen que vexamos interese da empresa por negociar-, os incumprimentos das obrigacións laborais que se denuncian diante da Inspección de Traballo e seguen sen ter solución e os atrasos nas nóminas notificados polo comité de empresa ao Concello de Vigo son claros exemplos de que a compañía actúa con total impunidade ante as súas obrigacións para cos traballadores/as e coa propia cidadanía de Vigo. Por todo isto, dende o comité de empresa de Vitrasa anunciamos a nosa intención de promover a convocatoria dunha serie de mobilizacións encamiñadas a dar solución a todos estes problemas.

Comentarios