Marta Fernández-Tapias visita en la isla de san simón a los chicos y chicas que participan en el campo de voluntariado de la Xunta

|

  • Os 12 participantes nesta proposta de ocio, enmarcada na campaña “O verán que mereces”, realizarán ata o vindeiro 13 de agosto labores de catalogación e conservación dos elementos patrimoniais e de apoio ás actividades culturais



A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladouse hoxe ata a Illa de San Simón para acompañar aos 12 mozos e mozas que desde onte e ata o vindeiro 13 de agosto participan no campo de voluntariado da Xunta.

Durante a visita, a representante autonómica, que recordou que a Illa de San Simón está intimamente vencellada a algunhas das traxedias e avatares marítimos máis relevantes da historia de Galicia e que hoxe representa un enclave único de gran valor cultural e patrimonial, tivo ocasión de coñecer de primeira man as actividades que se desenvolveran neste espazo no marco da campaña “O verán que mereces”.

Un amplo programa de actividades que inclúe visitas interpretativas e teatralizadas polas illas de San Simón e San Antón, mostrando o seu pasado e presente, así como a súa biodiversidade e conxuntos artísticos; labores de catalogación e conservación das instalacións e dos elementos patrimoniais; e de apoio ás actividades culturais.

Asemade, os mozos e mozas terán oportunidade de gozar doutras actividades complementarias iniciándose nos deportes náuticos tradicionais (traiñeiras e bateis) e no baile tradicional galego e coñecendo os usos, costumes e artes tradicionais de pesca da zona, entre outras propostas.

Estes campos de voluntariado, tal e como sinalou Fernández-Tapias, están orientados a mozos e mozas entre 18 e 30 anos de idade nunha proposta de ocio que aposta pola conciliación familiar e laboral, a formación biosaudable dos mozos e a seguridade sanitaria. Neste sentido, recordou que, por mor da covid-19, se reduciron os aforos das actividades, se reforzou o persoal e se incrementaron as medidas hixiénico-sanitarias.

A oferta da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra, ademais deste campo de voluntariado na Illa de San Simón en colaboración coa Consellería de Cultura e das catro quendas correspondentes ás actividades medioambientais nas Illas Cíes, complétase cos campos de voluntariado no Camiño Portugués pola Costa, en Oia; A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove; Salvemos o mar: Plásticos cero, en Vilanova de Arousa; o campo itinerante Botarse ao Camiño, que rematará en Santiago; Rural influencers, en Cerdedo-Cotobade; Soutomaior fai Camiño; Tradición en Verde, en Lalín e A Idade do Bronce, en Campo Lameiro, tamén coa colaboración de Cultura.

Asemade, promóvense nove campamentos, para mozos e mozas de 9 a 17 anos, nas Sinas (Vilanova de Arousa), Ponte Maril (Forcarei), Albergue Vicente Agulló (Lalín), FervenzAventura (Silleda) –que é a novidade da presente campaña–, Illa de Ons (Bueu), Concello de Mondariz-

Balneario, El Kiriko (Fornelos de Montes), Granxa-Escola Albergue de Tomiño e Residencia de Tempo Libre de Nigrán. As prazas de inclusión outorgáronse no Salnés e na Terra de Montes.

Thumbnail 20210803CampoVoluntariadoSanSimon



Comentarios