El parque nacional de las Islas Atlánticas ya forma parte de la lista Ramsar de humedales de importancia internacional

|

  • Suma deste xeito un novo recoñecemento internacional á riqueza dos seus hábitats e convértese no único espazo natural galego que concentra seis das principais figuras de protección medioambiental existentes
  •  Galicia colócase na terceira posición da clasificación nacional en canto a zonas húmidas incluídas no convenio Ramsar, cun total de seis


O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas xa forma parte oficialmente da lista de humidais de importancia internacional. Deste xeito, Galicia convértese na terceira comunidade española con máis zonas húmidas recoñecidas como sitios Ramsar, concretamente seis, unha cifra que só superan Andalucía e Valencia.

Ademais, grazas a esta nova distinción o territorio conformado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada suma un recoñecemento máis de carácter internacional. De feito, é o único espazo natural da comunidade que concentra seis das principais figuras de protección medioambiental que existen xa que forma parte da Rede ÓSPAR de áreas mariñas protexidas, é Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Conservación, Lugar de Interese Comunitario, e desde o ano 2002, Parque Nacional.

Cómpre subliñar que a chamada lista Ramsar é un inventario de prestixio internacional que integra as zonas húmidas máis relevantes de todo o mundo —preto de 2.500 sitios repartidos por máis de 160 países—, tanto desde o punto de vista do seu interese ecolóxico como pola súa transcendencia para a conservación da biodiversidade.

No ano 2017 a Xunta empezou a traballar co obxectivo de que o único parque nacional de Galicia entrase a formar parte dese listado ao considerar que cumpría cos requisitos esixidos para obter a consideración de humidal de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas.

A pasada primavera o Consello de Ministros ratificou a proposta galega, autorizando a súa inclusión na lista Ramsar. Tras a publicación do acordo no BOE e unha vez notificada a decisión á Unesco, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia xa conta coa súa propia ficha informativa dentro do sistema de información sobre sitios Ramsar, no que ocupa o posto número 76 dentro dos humidais españois e o 2.453 a nivel mundial.

Entre os principais valores e características que avalaron a candidatura das Illas Atlánticas cómpre subliñar o feito de ser un exemplo representativo, raro e único de humidal natural, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons, e como lugar de importancia para animais mariños e terrestres que dá acubillo a nove especies de cetáceos e cinco de tartarugas, todas elas protexidas.

Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando a abundancia de aves acuáticas. De feito, as illas albergan de xeito regular un 1% de todos os individuos existentes de dúas especies: a gaivota patiamarela e o cormorán moñudo.

Ademais, o Parque Nacional, conformado por catro arquipélagos e as augas mariñas que os rodean e cunha extensión total de 8.542,62 hectáreas, integra unha variada vexetación, coa presenza de polo menos sete especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos –área de distribución única e limitada que alberga unha especie de planta ou animal-, algúns deles exclusivos

210814 INCLUSION HUMIDAL RAMSAR. LAGO DOS NENOS EN CIES



Comentarios