La Xunta anuncia más de 20.000 m2 de jardines, áreas de juego y ocio y zonas de descanso conformarán los equipamientos públicos de la ampliación de San Paio de Navia

|

  • A urbanización proxectada pola Xunta inclúe dous parques infantís, un deles de máis de 600 m2, 14.000 m2 de áreas axardinadas e 4.200 m2 de prazas e zonas de estadía
  •  Ademais dun carril bici de 2 km, haberá un espazo biosaudable para facer exercicio e paseos peonís que facilitarán a mobilidade no barrio e enlazarán os equipamentos
  • Apostarase en todo o ámbito pola instalación de mobiliario urbano accesible


A ampliación do barrio vigués de San Paio de Navia impulsada pola Xunta disporá de grandes espazos destinados a albergar equipamentos e diferentes usos públicos cos que atender as necesidades dos veciños que se instalarán nas 1.600 novas vivendas protexidas previstas neste ámbito.

A actuación suporá a dotación de máis de 20.000 m2 de áreas axardinadas, espazos de lecer, xogo e descanso así como un paseo peonil e unha senda ciclista, deseñadas na procura dunha diversidade funcional axeitada ás distintas necesidades dos usuarios e velando en todo momento pola integración paisaxística e a calidade do espazo.

Os traballos de urbanización en San Paio, divididos en tres fases, inclúen entre outras dotacións públicas dous parques infantís. Un deles ocupará unha superficie de 635 m2 e estará equipado con oito elementos de xogo axeitados para nenos de distintas idades, mesas e bancos para crear zonas de esparexemento asociadas ao parque. En canto ao outro, de 155 m2 e situado ao carón do paseo peonil e dunha zona reservada a futuras terrazas, contará con cinco elemento de xogo fabricados principalmente en madeira.

Ao redor de 14.000 m2 resérvanse a zonas axardinadas, procurando a integración do arboredo xa existente con plantacións novas, e outros 4.200 m2 albergarán prazas públicas e outro tipo de áreas estanciais.

Polo que respecta aos equipamentos de carácter deportivo, a nova zona residencial tamén disporá dunha área de exercicio biosaudable de 160 m2 e adaptada para usuarios de diferentes idades; un paseo que, xunto coas beirarrúas e prazas previstas, conformará unha rede continua de mobilidade peonil a través do espazo público do barrio e para enlazar os diferentes equipamentos; e un carril bici de 2 km de lonxitude, que contará cun pavimento similar ao empregado noutras sendas ciclistas en desenvolvemento na cidade, de xeito que se poida integrar nunha rede ciclista de identidade recoñecible para os usuarios.

Por último, en relación ao mobiliario urbano, primaranse os deseños e materiais respectuosos co medio ambiente ou reciclados e que, á vez, garantan o seu uso e desfrute por parte da veciñanza.

En concreto, as fontes de auga e os 70 bancos que se distribuirán ao longo da urbanización serán accesibles, e no caso das áreas de lecer optarase tamén por mesas adaptadas. Haberá aparca bicicletas, papeleiras e sanecans (para depositar excrementos animais), e contedores reservados á recollida selectiva do lixo.

Á hora de instalar este tipo de elementos de uso público, ademais, terase en conta que vaian sempre colocados fóra dos itinerarios peonís, asegurándose de que teñan un espazo libre de obstáculos ao seu redor.

Tramitación municipal das tres fases da urbanización

Cómpre lembrar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) remitiu ao Concello de Vigo a comezos de maio toda a documentación relativa ás tres fases nas que se dividirán as obras de urbanización. A ampliación, polo tanto, está en mans do Goberno municipal, que terá que aprobar inicialmente os proxectos para, de seguido, sometelos a exposición pública 30 días, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que correspondan.

Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses para a aprobación definitiva dos proxectos das fases 1, 2 e 3, paso indispensable para poder licitar as obras. Neste sentido, cómpre lembrar que a aprobación da urbanización facultará á Xunta a levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron adquirir aínda mediante compravenda ou permuta.

No momento en que dispoña de todo o solo necesario, o IGVS procederá a licitar a primeira fase da urbanización. O obxectivo da Xunta é dar este paso despois do verán sempre e cando o Concello de Vigo dea luz verde antes aos tres proxectos, polo que resulta imprescindible que a Administración local axilice ao máximo os trámites.

Tras a execución das obras, poderase iniciar a comercialización das primeiras parcelas co fin de que empresas e cooperativas se fagan coa titularidade dos terreos e poder comezar así a edificación. De feito, a previsión é que no último trimestre deste ano se publique o primeiro concurso de venda de solo, o do polígono 1. Neste espazo, con preto de 27.000 m2 reservados para compensar as permutas realizadas polos propietarios, ofertaranse máis de 85.000 m2 en 116 parcelas coa previsión de construír 733 vivendas.

A ampliación do solo residencial en San Paio de Navia permitirá, a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas na cidade de Vigo, o que suporá un investimento de 250 millóns de euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 m2 que tamén acollerá zonas verdes, equipamentos públicos, superficies de uso terciario e máis de 1.000 prazas de aparcamento co obxectivo de que se converta nun barrio activo, verde e aberto para as familias que decidan asentarse nel.

Image gallery



Comentarios