La Xunta publica en el Dog la aprobación del expediente de información pública del proyecto de mejora de la seguridad del vial y accesibilidad en la Po-330

|


  • A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reuníronse coa asociación de veciños de Valadares e os comerciantes de Pereiró para informarlles da tramitación
  •  O Goberno galego inviste 1,7 millóns de euros nesta actuación que abrangue case 7 km desta estrada autonómica, reforzando a seguridade viaria e mellorando a accesibilidade, ademais de actuar nos aparcadoiros, habilitando 36 prazas




A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do expediente de información pública do proxecto de mellora da seguridade viaria e mellora da accesibilidade na PO-330 en Valadares e Pereiró no que a Xunta de Galicia ten previsto investir 1,7 millóns de euros.

Así o informaron hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, tras manter unha reunión coa asociación de veciños de Valadares e os comerciantes de Pereiró para explicarlles o estado da tramitación.

Un conxunto de actuacións integrais que abranguen case 7 km desta estrada autonómica na procura do reforzo da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade en Pereiró e Valadares. Tal e como comentaron, tamén se actuará sobre os aparcadoiros, habilitando un total de 36 prazas (2 delas adaptadas), o que supón 10 máis das que hai na actualidade. O obxectivo, insistiron, é licitar as obras neste ano para a súa execución en 2022. Os traballos contarán cun período para a súa execución de 10 meses.

As actuacións

Segundo detallaron, con esta intervención se mellorará a seguridade e a accesibilidade nun treito de concentración de accidentes, de algo máis de 1 km, reordenando as interseccións e definindo un novo carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen, ademais de reforzar a sinalización dos pasos de peóns.

Habilitaranse así dúas novas glorietas en Valadares. A primeira delas, de 28 metros de diámetro para mellorar o acceso ao pavillón e á piscina municipal, deseñando desde a glorieta un novo viario de acceso rodado á escola infantil Monte do Alba, atendendo á solicitude dos veciños.

A segunda, do mesmo diámtro, localizarase no Alto da Garrida, para mellorar a seguridade nun cruce de elevado tráfico de vehículos pesados, ao dar servizo aos dous polígonos industriais de Valadares e da Pasaxe; tamén a unha canteira; ao miradoiro do Monte de Alba; e próximo á autoestrada autonómica AG-57.

Urbanizaranse tamén os primeiros 450 metros da estrada, na contorna de Pereiró, entre a glorieta que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace co viario da Universidade. Coidarase especialmente a disposición de prazas de aparcamento nesa zona. Aí reordenarase tamén a intersección coa rúa Canteiros, mediante illotes físicos e sinalización horizontal; e nos accesos aos garaxes disporase firme de adoquín.

O proxecto inclúe a mellora de varias intersección, na zona de Carneiras, Carregal e O Portal, ben con sinalización horizontal ou con novos elementos físicos como illotes.

Na contorna do Colexio Barreiro reforzarase a seguridade achegando o paso de peóns á entrada do centro e adoptando as medidas de calmado de tráfico necesarias.

Asemade, mellorarase o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionando o camiño natural, actuando sobre os radios de xiro de entrada e saída que empregan os buses escolares para incorporarse á estrada PO-330. Unha intervención coa que se da resposta a unha demanda dos propios veciños.

Tamén se repararán as beirarrúas que estean en mal estado, ademais doutras melloras de sinalización e iluminación nos pasos de peóns.


Esta actuación dá continuidade á mellora das estradas autonómicas en Vigo, tendo actuado a Xunta na humanización das avenidas de Castrelos e da Florida; e na habilitación de sendas e na mellora da seguridade viaria na estrada vella de Baiona, a PO-552; e terá continuidade en Teis, coa mellora da Avenida de Galicia .

Thumbnail 20210823PO330VigoValadares




Comentarios