Marta Fernández-Tapias, acompaña al ex jugador de la NBA Craig Hodges en el camino portugués de la costa a su paso por Vigo

|

  •  A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu ao protagonista da sétima edición do documental “O Camiño acaba no Obradoiro” no albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves na viguesa praza do Berbés
  • A iniciativa liderada polo Obradoiro atrae anualmente a Galicia a figuras de relevancia nacional e internacional para realizar diferentes etapas da ruta xacobea
  • A representante autonómica destaca o auxe do Camiño Portugués da Costa como un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe ao ex da NBA Craig Hodges que estes días está a realizar o Camiño Portugués da Costa. Tras recibilo está mañá no albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, na viguesa praza do Berbés, a representante autonómica e o xogador de baloncesto realizaron xuntos o tramo da ruta xacobea que percorre a cidade en dirección a Redondela.

Hogdes, bicampión cos Chicago Bulls (1991 e 1992), é o protagonista este ano do documental “O Camiño acaba no Obradoiro” na súa sétima edición, a proposta liderada polo Monbus Obradoiro que anualmente atrae a figuras de relevancia nacional e internacional do baloncesto para realizar algunha das rutas xacobeas.

Unha iniciativa que Fernández-Tapias asegurou comparte os valores do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo cos do deporte e a solidariedade, contribuíndo á “promoción internacional do principal recurso turístico e cultural de Galicia”.

Por outra banda, puxo en valor o éxito do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves que está a punto de chegar aos 1.000 peregrinos desde a súa apertura de portas ao inicio do mes de xullo.

Neste sentido, indicou que o Camiño Portugués da Costa, que atravesa a cidade viguesa, segue a ser un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos que chegan a Compostela.

A diversidade na procedencia dos peregrinos que durante este tempo se aloxaron no establecemento do Berbés confirma, en opinión da delegada territorial, a popularidade do Camiño nos diferentes territorios e especialmente do Camiño Portugués da Costa, un dos que se rexistrou os maiores incrementos no 2019 e que se mantén en auxe. Viaxeiros de 41 países reservaron praza no albergue vigués e de 14 comunidades autónomas.

Fernández-Tapias, volveu a insistir na oportunidade que supón a celebración deste Ano Santo Xacobeo bianual e no agradecemento da Xunta á hostalería e o comercio vigués pola súa implicación e colaboración na sinalización desta ruta, entendendo a importancia estratéxica

que supón o Camiño Portugués da Costa e ante a negativa do Goberno vigués a permitir a sinalización do percorrido no termo municipal da cidade.

Referendou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro, con medidas como o sistema de reservas online nos albergues; ou a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros no caso de que enfermen durante a súa estancia na Comunidade. Asemade, referiuse aos apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.

Thumbnail 20210830GraigHodgesCamino



Comentarios