Marta Fernández-Tapias recibe al nuevo director de la Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida

|

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo destaca a cooperación activa co Norte de Portugal como unha das claves do desenvolvemento económico de Galicia
  •  A Eurorrexión captou 163 millóns de euros da Unión Europea para a posta en marcha de 85 proxectos, sendo unha das áreas máis beneficiadas da fronteira hispano-lusa

Thumbnail 20210907ReunionAECT



A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu hoxe ao novo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, no marco da presidencia de quenda do país luso no organismo interrexional desde o pasado 1 de agosto.

Neste contexto, a representante autonómica destacou a importancia da cooperación activa co Norte de Portugal como unha das claves do desenvolvemento económico de Galicia. Un exemplo, dixo, en todos os ámbitos, tanto no medio ambiente, como nas infraestruturas e a mobilidade, a proximidade e o desenvolvemento de proxectos conxuntos nas áreas de cultura, educación e turismo, tal e como ten recoñecido as institucións da Unión Europea.

O esforzo e o interese demostrado pola Comunidade queda patente, en opinión de Fernández-Tapias, no feito de que a Eurorrexión ten sido a área máis beneficiada da fronteira hispano-lusa tanto no número de proxectos aprobados (85) como na proporción de fondos captados (máis de 163 millóns de euros de gasto).

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal foi constituída pola Xunta de Galicia e pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-N) o 31 de outubro de 1991. Trátase da comunidade de traballo máis antiga da Península Ibérica e unha das de maior e máis estable traxectoria da Unión Europea.

Balance da presidencia galega

A delegada aproveitou o encontro para facer referencia a algúns dos impactos máis significativos da presidencia galega na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (CTG-NP), entre os que citou a mellora das condicións de vida da poboación e o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias. Asemade, referiuse ao programa Interlumes, no que a Xunta participa con 4,5 millóns dos 9,1 de orzamento conxunto, e que reforza a capacidade operativa de resposta á extinción de incendios forestais na fronteira, coa posta en marcha da primeira base de medios aéreos transfronteirizos e a mellora dos medios materiais para labores de extinción e de vixilancia.

Facendo Caminho -orientado a estruturar, protexer e poñer en valor as rutas portuguesas do Camiño de Santiago na Eurorrexión-, ou Iacobus, de cooperación universitaria e fomento da

mobilidade entre estudantes, son outros dos programas que, segundo apuntou, son resultado da colaboracións transfronteiriza espertando grande interese.

Non esqueceu Fernández-Tapias outro dos obxectivos da CTG-NP, a cooperación de proximidade promovida a través das eurocidades, creadas para compartir infraestruturas e servizos coa finalidade de aforrar custos. Na raia existen catro eurocidades: Tui-Valença, Chaves-Verín, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao. Todas elas, co apoio activo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, atoparon o financiamento axeitado e necesario para desenvolver gran cantidade de actividades de índole económica, cultural e deportiva que reforzaron e consolidaron a cooperación transfronteiriza.

Así mesmo, sinalou que a CTG-NP reaccionou de inmediato á crise sanitaria coa posta en marcha do Plan para a reactivación da cooperación de proximidade na fronteira do Norte de Portugal con Galicia, coa finalidade de conseguir para a zona unha “discriminación positiva”, o que se traduciu na presentación de propostas valoradas en 29 millóns de euros.

Por último, recordou que os intereses comúns no eido cultural e lingüístico, e o esforzo da CTG-NP por reforzar eses vínculos, deron lugar a que, o pasado 17 de xullo, España ingresara como país observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, o que reforza o balance positivo co que Galicia pecha a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Comentarios