Feijoo garantiza el apoyo de la Xunta al sector transformador de productos del mar que permitió movilizar este año más de 45 m€ para impulsar su competitividad

|

Incide en que Galicia seguirá defendendo os intereses da industria na revisión da Política Pesqueira Común para os próximos anos e con ese obxectivo propugna unha PPC baseada na igualdade, a cogobernanza, a sustentabilidade e a remuda xeracional







O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o apoio da Xunta ao sector transformador de produtos do mar que permitiu mobilizar este ano máis de 45 millóns de euros para impulsar a súa competitividade, mellorando a estrutura produtiva das pemes do sector.

Durante a inauguración da X Conferencia Mundial do Atún, Feijóo incidiu en que Xunta seguirá apoiando ao sector tanto nos momentos críticos como nas oportunidades de futuro. “Así o fixemos ante a pandemia e na reactivación, e seguirémolo facendo como proban os sete proxectos empresariais candidatos aos fondos Next Generation por 550 millóns de euros e co obxectivo de crear máis de 1.000 novos empregos”, subliñou.

Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para a importancia económica de Anfaco-Cecopesca, como proban as 246 empresas nacionais agrupadas baixo o seu seo, a facturación de 11.000 millóns de euros durante o complexo 2020 e a súa capacidade exportadora, co 60% dos produtos orientados á exportación e a súa presenza en máis de 140 países.

Esta pegada internacional, subliñou, evidencia que o sector actúa nun mercado global. De aí a importancia de facer escoitar a voz da pesca galega en procesos como a revisión da Política Pesqueira Común (PPC). En relación a esta cuestión, Feijóo incidiu en que Galicia seguirá defendendo unha reforma para os próximos anos baseada na igualdade, a cogobernanza, a sustentabilidade e a remuda xeracional.

“Así o trasladamos ao Consello Galego de Pesca o pasado venres, para traballar desde xa nunha postura común”, recordou, asegurando que a comunidade galega levará a cabo un intenso traballo para que Bruxelas tome nota das propostas, buscando apoios nas entidades pesqueiras e lazos comúns con outras rexións onde a pesca é protagonista.

“Apostamos por unha pesca baseada no xogo limpo, no equilibrio e no cumprimento das normas; por unha loita contra a pesca ilegal; por facer compatible a actividade pesqueira coa biodiversidade e o equilibrio medioambiental; e por incorporar aos mozos ao sector”, reiterou.

Comentarios