El BNG reactiva en las calles de Vigo su campaña contra la estafa del recibo de la luz

|

  • A fronte nacionalista instalará mesas informativas e de recollida de sinaturas en diferentes puntos da cidade para reclamar que Xunta e Goberno español actúen contra o aumento continuado do prezo da electricidade.
  • Xabier P. Igrexas: “A pesar das declaracións cara a galería destes días  por parte doutras forzas o BNG quedámonos sós [no Pleno do Concello de Vigo] á hora de esixir medidas que metan en cintura o oligopolio eléctrico”.






O Bloque Nacionalista Galego reiniciou en Vigo a súa campaña reivindicativa contra a estafa da suba do recibo da luz. A fronte nacionalista despregou esta mañá no Calvario unha mesa informativa e de recollida de sinaturas, coa que reclaman, entre outros, o estabelecemento dunha tarifa eléctrica galega.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, xunto as deputadas nacionalistas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández, compareceu perante os medios de comunicación para explicar a reactivación desta iniciativa diante do continuado incremento dos prezos eléctricos e da total inacción do Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos, e mais da Xunta de Galiza do Partido Popular.

Igrexas cualificou de "atraco mensual" o recibo da luz, por causa do "vertixinoso e continuado aumento dos prezos". O edil nacionalista defendeu que ao se tratar a electricidade dun ben público esencial debe despregarse unha "decidida e firme intervención pública que o poña baixo control público" e garanta o acceso a este subministro básico ao conxunto da poboación.

Lembrou tamén que o BNG promoveu unha moción no Concello de Vigo, o pasado mes de xuño, na que se recollía unha batería de medidas concretas para poñer fin á "estafa inaceptábel" que están padecendo tanto as familias traballadoras como o tecido comercial e empresarial, pero que foi rexeitada polo voto en contra do PSOE e a abstención "cómplice" de Partido Popular e Marea de Vigo. "A pesar das declaracións cara a galería destes días en Vigo o BNG quedámonos sós á hora de esixir medidas que metan en cintura o oligopolio eléctrico", sentenzou.

Tarifa eléctrica galega

Pola súa banda, a deputada, Carmela González, salientou a "enorme indignación e cabreo" dos galegos e galegas perante o "tarifazo eléctrico" que se está a vivir nos últimos meses e que se plasmou no feito de que no verán a fronte nacionalista xa recollese máis de 23 mil sinaturas. "Se no verán era importante mostrar o rexeitamento diante desta situación inxusta, agora éo máis, xa que o recibo sigue subindo batendo cada semana records históricos", afirmou.

González fixo un chamado á mobilización social para esixir ao Goberno español e a Xunta medidas inmediatas para frear a escalada no prezo da luz, xa que está a "prexudicar gravemente a familias, a PEME e industria, e só beneficia ás grandes eléctricas que aumentan os seus gaños de maneira indecente", polo que esixiu a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que permita reducir o prezo da luz facendo valer que Galiza é produtora neta de enerxía e exporta por volta do 30% da que xera.

A fronte nacionalista instalará novas mesas informativas e recollidas de sinaturas en diferentes puntos da cidade durante as próximas semanas.

Comentarios