El BNG defenderá la modernización de la red ferroviaria gallega en los Presupuestos del Estado

|

Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado a mellora dos servizos na Galiza,  implantar cercanías nas áreas metropolitanas e apostar de verdade por un modo de transporte eficaz e sustentábel

Xavier Pérez Igrexas coloca Vigo como mostra do desleixo e abandono que sofre Galiza en materia ferroviaria por parte dos Gobernos españois e reclama impulsar a saída sur





O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado do voceiro municipal da formación na localidade en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada no Parlamento da Galiza, Carmela González, mantiveron na mañá desta sexta feira unha xuntanza cos Comités de Empresa de Renfe e ADIF para avaliar conxuntamente a situación das redes e servizos ferroviarios na área de Vigo e no País. A formación nacionalista avanza que nos vindeiros Orzamentos do Estado reclamarán un aumento significativo do investimento territorializado para, entre outras cousas, modernizar a rede ferroviaria interna da Galiza e a implantación e o desenvolvemento de servizos de cercanías no País.

Durante a reunión, os representantes dos Comités de Empresa de ADIF e Renfe trasladaron ao BNG a preocupación pola constante degradación dos servizos ferroviarios na Galiza, polo recorte de persoal e medios, pola falta de investimentos para modernizar a rede e mesmo pola desatención ao mantemento de liñas e material que fan que exista un progresivo deterioro de moitas delas.

Pola súa parte, a representación do BNG avanzou o seu compromiso de focar a acción política -particularmente en relación cos próximos Orzamentos do Estado- na modernización e desenvolvemento da rede ferroviaria galega e na mellora dos servizos. “A cuestión ferroviaria para o BNG é un asunto estratéxico e de máxima prioridade” comparten os cargos da formación nacionalista. “Constatamos a coincidencia na diagnose, o abandono dos servizos e as infraestruturas ferroviarias no noso país, como nas alternativas necesarias para termos un ferrocarril á altura das necesidades.” explica Néstor Rego.

“Acumulamos un retraso na modernización da rede ferroviaria interna considerábel en relación con outros territorios do Estado español e nin sequera temos servizos de cercanías nas áreas metropolitanas” sinala o deputado no Congreso. O Goberno español presume de que en 2021 multiplicou por tres a cifra orzamentaria para a modernización das cercanías no conxunto do Estado español mais “a realidade é que ningún só euro virá para Galiza por non existir este servizo”.

Neste sentido, Rego avanzou que nos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado o BNG focalizará as propostas na modernización da rede ferroviaria interna e na implantación dese servizo de proximidade.

“No caso de Vigo e a súa comarca, entendemos que é fundamental a saída sur de Vigo para que sexa posíbel unha conexión de alta velocidade coa cidade do Porto, convertendo a Vigo nunha cidade referencial nos eidos económico e comercial” subliña Rego. Aliás, o BNG aposta por que a estación de Vigo-Guixar asumise a implantación dos servizos de cercanías, particularmente polo norte con Pontevedra e polo sur con Tui para artellar toda a zona do Eixo Atlántico arredor de Vigo.

O deputado nacionalista sinalou tamén que o BNG vén reclamando a restitución de servizos que foron suprimidos no período do confinamento e aínda non restituídos. “Voltaremos a exixir que se aumenten os servizos porque non é de recibo que co pretexto da pandemia se reducisen servizos e aínda non se repuxesen. Os representantes sindicais explicábannos que a liña Vigo-Santiago, hai días que vai colapsada, en especial desde Vilagarcía” explica o deputado nacionalista.

Unha verdadeira estación de ferrocarril

“Vigo representa o desleixo e o abandono que padece Galiza en materia ferroviaria por parte dos sucesivos gobernos do Estado español, tanto os presididos polo PP como polo PSOE” enfatiza o voceiro municipal do BNG. Xavier Pérez Igrexas salientou a necesidade de impulsar decididamente a execución da saída sur de Vigo para conectara cidade con Portugal e coa cidade do Porto.

Por outra banda, fixo referencia a que o alcalde comparou na recente inauguración de Vialia a estación coa de Atocha, mais apunta que “o que precisa Vigo é unha estación ferroviaria con servizos ferroviarios, non un centro comercial, porque seguimos a ter as mesmas liñas e servizos que se viron minguados coa pandemia”.

Comentarios