Los trabajadores de Vitrasa retoman la huelga a partir de lunes 4 octubre

|

Desenvolveranse de luns a venres a partir deste luns día 4 

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, acordou retomar a convocatoria de paros parciais que levou a cabo no mes de agosto para denunciar os reiterados incumprimentos do convenio colectivo. Nesta ocasión os paros desenvolveranse de luns a venres, excepto festivos, a partir do 4 de outubro. Os devanditos paros faranse efectivos nas seguintes franxas horarias: de 7:30 a 9:30 horas, de 13:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas; e terán, en principio, carácter indefinido, podendo chegar a ampliarse en caso de continuar sen solucións. Con esta medida de presión o comité de empresa, presidido pola CIG, pretende lograr unha redución da xornada anual do colectivo de condución, que nestes momentos é excesiva, que se regule o descanso diario e que se permita o goce das vacacións en período estival. Dende a representación do persoal lembran que na actualidade padecen xornadas de até 10 horas diarias con tempos de percorridos imposíbeis de cumprir, “o que sumado ás obras que hai en marcha na cidade e aos atascos que se forman provoca unha gran tensión e altos niveis de estrés ao volante engadidos, ao que hai que engadir a falta de descanso que todo isto propicia”. Ao mesmo tempo, denuncian incumprimentos do convenio no referente aos horarios de entrada e saída, horas de comida, atrasos nas nóminas, así como a vulneración de acordos paralelos ao convenio. “Por non falar dos requirimentos da Inspección de Traballo que a empresa se nega a cumprir”. Outra das cuestións teñen que ver cos postos de traballo estruturais que son cubertos por distintos grupos de eventuais, precarizando a contratación e xerando inseguridade no colectivo de eventuais. “Na actualidade hai máis de 60 traballadores/as eventuais rotando en pequenos grupos sen unha solución de futuro, traballadores/as que logo de seis meses contratados/as vanse á rúa durante un ano e medio aproximadamente”. Convenio caducado Dende o comité censuran que a pesar de que a maioría destes problemas poderíanse solucionar coa firma dun convenio que caducou en decembro de 2020 Vitrasa négase a negocialo aludindo á inseguridade económica xerada pola pandemia da covid, “aínda tendo unha cláusula de reordenación económica que cubrirá as perdas xeradas, como así foi en dúas ocasións en que o Concello inxectou unha importante cantidade de cartos, ademais da achega anual que realiza para subvencionar o servizo de transporte urbano”. Por iso tamén queren darlle un “toque de atención” ao Goberno local polo seu inmobilismo, “xa que miran cara a outro lado ante as reclamacións referentes a incumprimentos e a pesar das mobilizacións, que xeran e seguirán xerando gran perturbación na vida diaria da veciñanza, cando é o máximo responsábel de garantir un servizo de calidade”. Ademais, parécelles “especialmente preocupante” que a día de hoxe o Concello aínda non teña decretado os servizos mínimos, cando o comité comunicoulle a convocatoria dos paros o pasado 17 de setembro. En consecuencia, anuncian que seguirán adiante coas protestas, “non dubidando en endurecelas se a empresa continúa na súa negativa para dar solución ás reivindicacións”.

Comentarios