Feijóo celebra el regreso de Conxemar como escaparate internacional único para mostrar el potencial de los productos del mar de Galicia

|

  • Subliña que a comunidade supera xa as 600.000 toneladas de produtos do mar exportados por valor de 2.200 millóns de euros e refírese ao incremento do valor engadido como clave para encarar o futuro
  • ¾ Reedita o compromiso da Xunta para seguir mantendo a posición de liderado do complexo mar-industria, cun incremento para o período 2021-2027 do 20% nas axudas destinadas a proxectos de mellora das pemes
  • ¾ Reitera a necesidade de que as autoridades fiscais europeas estuden a posibilidade de reducir o IVE nos produtos do mar, beneficiosos para a saúde
  • ¾ Incide na oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation e lembra que a candidatura galega conta con sete proxectos vinculados ao futuro desta industria transformadora dos produtos do mar, cun investimento de máis de 550M€ e a creación de 1.000 novos postos de traballo






O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe o regreso de Conxemar como escaparate internacional único para amosar o potencial de Galicia na pesca, transformación e exportación dos produtos do mar, como poñen de manifesto os 9.000 millóns de euros anuais de facturación e os preto de 50.000 postos de traballo que dependen desta actividade.

Nesta mesma liña, resaltou que no tocante ás exportacións a comunidade supera xa as 600.000 toneladas de produtos do mar exportadas -cun aumento do 27% na última década-, por valor de 2.200 millóns de euros -un aumento económico do 70% nos últimos dez anos-. “Unha diferenza entre a suba do volume exportado e a facturación que ten que ver, en boa medida, co valor engadido, clave para encarar o futuro”, precisou, subliñando que se fai unha década o prezo medio por quilo era de 3,5 euros, hoxe aproxímase aos 5 euros por quilo, “un aumento de case o 40% desde 2009”.

Durante a inauguración da edición número vinte e dous desta feira, Feijóo reeditou o compromiso do Goberno galego coa cadea mar-industria da comunidade para seguir mantendo a súa posición de liderado, cun incremento para o período 2021-2027 do 20% nas axudas destinadas a proxectos de mellora das pemes. Unhas iniciativas que entre 2016 e 2021 beneficiaron a máis de 285 empresas, a través dunha mobilización de 176 millóns de euros.

Así mesmo, no eido da planificación, destacou a posta en marcha do Plan estratéxico da conserva a través do Centro Tecnolóxico do Mar, co fin de mellorar a competitividade, obter maior valor engadido, gañar en cota de mercado e ampliar o comercio exterior. Ademais do obxectivo de elaborar -coa implicación do sector- o Libro Verde do Conxelado en Galicia, que será aprobado polo Consello Galego de Pesca.

Sobre este punto, o titular da Xunta referiuse tamén á oportunidade que para o sector suporán os fondos europeos Next Generation, lembrando que a candidatura galega conta con sete proxectos vinculados ao futuro desta industria transformadora dos produtos do mar, cun investimento de máis de 550 millóns de euros e a creación de 1.000 novos postos de traballo.

Logo de reiterar a necesidade de que as autoridades fiscais europeas estuden a posibilidade de reducir o IVE nos produtos do mar, beneficiosos para a saúde, Feijóo concluíu facendo fincapé en que Galicia seguirá a traballar para facerse oír nos marcos decisorios clave: acudindo a países estratéxicos para a pesca galega como Irlanda ou Namibia -como xa se fixo viaxando a Arxentina ou a Cabo Verde- e organizando visitas á comunidade, como a do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca

Comentarios