Un urólogo del área sanitaria de Vigo, elegido para el comité examinador del consejo europeo de urología

|

  • Trátase do máximo organismo para obter o diploma de acreditación de formación, que se esixe en varios países do Continente e está recoñecido en toda Europa
  • O facultativo Manuel Carballo é un dos poucos urólogos españois que forman parte deste comité



O urólogo da Área Sanitaria de Vigo, Manuel Carballo, foi elixido para formar parte do Comité examinador do Consello Europeo de Uroloxía (European Board of Urology). Trátase do máximo organismo de Europa para a obtención do diploma de acreditación de formación, que se esixe en varios países do continente, de forma total ou parcial, e que está recoñecido en toda Europa.

Manuel Carballo ingresa, desta maneira, na curta lista de facultativos españois desta especialidade que forman parte do Comité. Concretamente está asignado ao Comité que expón as cuestións e examina da parte oral das probas para obtención do mencionado diploma.

“É unha honra ser seleccionado como membro deste organismo. Sen dúbida, é unha gran responsabilidade participar nesas tarefas do Comité que busca acreditar unha sólida base de coñecementos dos urólogos para, como fin último, obter unha asistencia sanitaria da máis alta calidade para os nosos pacientes”, manifestou o doutor Carballo a pouco de coñecer o seu nomeamento.

O Consello Europeo de Uroloxía (EBU), desenvolve anualmente unha proba de coñecementos da especialidade para aqueles candidatos que desexen realizalo durante o último ano de formación da especialidade ou tras finalizar a mesma nos seus respectivos países (en total 30 países).

A proba componse dun exame escrito e outro oral , convocado en diferentes cidades Europeas. Unha vez superada a proba obtense o diploma FEBU (Fellow of the European Board of Urology) que constitúe unha “marca de calidade” e signo de excelencia no currículum dos profesionais, e que acredita que os coñecementos da especialidade de uroloxía do posuidor do título reúnen os estándares de calidade no marco internacional definido polo EBU.

“O exame é unha parte integral da acreditación de formación en países como Holanda, Suíza ou Austria e trátase dunha distinción recoñecida en toda Europa. É unha ferramenta máis que garante a homoxeneidade dos coñecementos e habilidades clínicas nun marco Europeo”, explica.

Manuel Carballo, como outros urólogos en Europa, superou os exames para obter o titulo FEBU durante o seu último ano de formación da especialidade. “Dado que desenvolvín a miña actividade laboral no Reino Unido inmediatamente despois de finalizar a miña formación como urólogo, dispor do título foi especialmente útil neste país que conta co seu propio exame nacional de acreditación (Fellow of the Royal College of Surgeons)” subliña o Dr. Carballo.

A formación na especialidade de Uroloxía é especialmente importante, pola súa extensa área de traballo nos campos médico e cirúrxico, ao que únese un vertixinoso desenvolvemento de novas abordaxes diagnósticas e terapéuticas para as patoloxías urolóxicas a través das novas tecnoloxías.

“É por iso que os urólogos estamos nun proceso de continua formación. A acreditación dos coñecementos da especialidade nun marco internacional a través dun exame europeo é unha ferramenta utilizada por especialistas que queren incluír esta distinción no seu currículum ou ben desenvolver a súa actividade laboral noutros países”, engade Manuel Carballo.

Thumbnail IMG 20210917 WA0005



Comentarios