El BNG de Vigo urge iniciar las actividades en las escuelas deportivas municipales

|

  • A fronte nacionalista interpelará o Goberno municipal na comisión de deportes para resolver o colapso organizativo do servizo, que require dun reforzo urxente de persoal.
  • Xabier P. Igrexas: “Sería incomprensíbel que, unha vez se levanten as restricións sanitarias, sexa a falla de xestión do Goberno municipal a que impida o normal inicio destas actividades esenciais”





O Bloque Nacionalista Galego vai interpelar o Goberno municipal de Vigo para que dea inicio ás actividades nas escolas deportivas municipais, en canto se levanten as últimas restricións derivadas da emerxencia sanitaria pola Covid-19. A fronte nacionalista urxirá na comisión informativa de deportes, que terá lugar este mércores 20 de outubro, a que se tomen todas as medidas que permitan resolver o colapso organizativo que atravesa o servizo.

“É preciso acometer de maneira urxente un reforzo de persoal que supla as ausencias por situacións de baixa médica e por xubilacións non substituídas”, demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, “así como a resolución do conflito laboral que afecta á oficina de programación do servizo de deportes”. Nese sentido, solicitou que se atendan as demandas dos representantes sindicais do concello de Vigo, trasladadas xa o pasado mes de xaneiro e nas que reclamaban un mínimo de nove contratacións.

Para Igrexas “sería inaceptábel e incomprensíbel que, unha vez xa non existan restricións sanitarias, sexa precisamente a falla de xestión, a falla de actuación do Goberno municipal” a que impida o inicio e normal desenvolvemento das escolas deportivas na cidade.

O concelleiro do BNG recordou que se tratan dunha “actividade esencial” para a promoción da práctica deportiva en Vigo, nomeadamente entre as máis novas e os máis novos. “Trátase polo tanto de insistir en que o Goberno municipal xestione e resolva os problemas que os seus desleixos están a provocar”, recalcou Igrexas. 

Comentarios