Marta Fernández-Tapias, anunció hoy que en el 2022 la Xunta destinará más de 16 M€ a las infraestructuras sanitarias de Vigo.

|

O Goberno galego inicia as obras de climatización no Hospital do Meixoeiro por 3,7 M€ , que completaran os máis de 7 M€ investidos na mellora das envolventes

Destinaranse tamén 5,7 M€ ao Álvaro Cunqueiro, 3,7 ao centro de saúde de Porriño, 2,3 ao CIS Olimpia Valencia e máis de 900.000 euros ao centro de saúde de Moaña



A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe que no 2022 a Xunta destinará máis de 16M€ ás infraestruturas sanitarias de Vigo. “Un orzamento histórico, o maior dos últimos anos, dirixido aos hospitais e a atención primaria ”, segundo as súas palabras, que ven a reforzar o compromiso do Goberno galego co servizo público de saúde desta área.

Así o fixo con ocasión dunha visita ao hospital Meixoeiro, na que estivo acompañada polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, para ver a nova envolvente térmica do edificio. Unha obra practicamente rematada tras unha inversión de máis de 7 millóns de euros. O obxecto desta actuación era garantir a estanqueidade dos edificios e mellorar a súa eficiencia enerxética, incrementándose o illamento térmico reformando a cuberta, as fachadas e os cerramentos. Cabe subliñar que nesta intervención tense substituído 1.750 ventás.

Máis investimentos en atención hospitalaria

Segundo detallou a representante autonómica, o Hospital Álvaro Cunqueiro contará cun investimento que ascende a 5,7 millóns de euros: 3,1 para equipamento electromédico e 2,6 millóns para diversas actuacións: a nova Unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil, cuxo proxecto está a piques de adxudicarse, e as obras das áreas de Necropsias, Rehabilitación Cardíaca e Urxencias (para dotar a este servizo dunha zoa específica de Radioloxía con TAC e ecografías, ademais de radioloxía convencional).

Ademais, no referido á alta tecnoloxía, “vaise facer un esforzo inversor de gran calado na actualización e modernización dos equipos do Chuvi”, en palabras de Fernández-Tapias, con novas incorporacións de aparataxe así como con moitas renovacións do mesmo. Entre outras dotacións, a delegada subliñou a incorporación de 3 novos TACs e 1 nova resonancia no Álvaro Cunqueiro; e a renovación doutros 2 TAC (1 no Meixoeiro e outro no Álvaro Cunqueiro) e 1 resonancia magnética no Meixoeiro. Vanse substituír tamén as dúas salas de hemodinámica e o equipo de anxiografía vascular do Álvaro Cunqueiro e as dúas gammacámaras do Meixoeiro.

7 millóns para Atención Primaria

Especial mención fixo Fernández-Tapias dos 7 millóns de euros que se investirán nas obras de novos centros de saúde vigueses: 2,3 millóns para iniciar a construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, que será licitada antes de finalizar o ano; 3,7 millóns para a ampliación do centro de saúde de Porriño, obra que está a piques de ser adxudicada; e 900.000 para iniciar a obra do novo centro de saúde de Moaña. Asemade, indicou que se recolle unha partida xenérica nos orzamentos de 800.000 euros para novos centros de saúde que inclúe o centro comprometido en Soutomaior.

Inicio obra climatización Meixoeiro

Pola súa banda, o xerente da Area Sanitaria, Javier Puente, nun desglose máis pormenorizado dos datos, salientou que as obras de climatización do Meixoeiro, na que se investirán 3,7 millóns de euros, acaban de ser adxudicadas e se iniciarán nas próximas semanas. “Esta actuación completará a obra das envolventes, o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética do hospital aforrando 1.932 megavatios anuais; así como dotar ás unidades de hospitalización dunhas axeitadas condicións de confortabilidade térmica para os usuarios e traballadores”.

O xerente lembrou que desde o 2015, ano de apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, a Xunta apostou por reforzar tamén o hospital do Meixoeiro para modernizalo e amplialo, cuns investimentos totais de máis de 22 millóns de euros. Así, adaptouse o baixo andar para convertelo no Laboratorio central da área sanitaria de Vigo, creouse un novo laboratorio de Microbioloxía e reformouse a Unidade de mama, e os servizos de Medicina nuclear e Radioterapia.


Thumbnail 20211020OrzamentosSanidadeVigo


Comentarios