Marta Fernández-Tapias anuncia la adjudicación en el próximo mes de noviembre de la rehabilitación integral del IES San Tomé de Freixeiro por 1 millón de euros

|

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou o centro educativo para presentar xunto aos técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade o proxecto que, dixo, “suporá unha importante mellora desde o punto de vista enerxético”
  •  Indica que os orzamentos autonómicos para 2022 recollen 900.00 euros para a reforma integral do Conservatorio de Música e 150.000 euros para proxectos de ampliación no CIFP Manuel Antonio, CIFP Valentin Andrade e o IES de Navia
  • Así mesmo, culmínanse obras nos institutos Santa Irene, Castelao e de Salvaterra de Miño, entre outras, por importe de máis de máis de 1,5 millóns de euros


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o IES San Tomé de Freixeiro que a partir do vindeiro mes de novembro, segundo a data adiantada pola representante autonómica, someterase a unha rehabilitación integral por importe de 1 millón de euros.

Esta intervención que ven de ser licitada, en palabras de Fernández-Tapias, suporá unha importante mellora desde o punto de vista enerxético, e ten como obxectivo dar resposta ás problemáticas que viñan suscitando as súas instalacións.

Para resolvelas, está previsto mudar toda a carpintería exterior e o sistema de impermeabilización, mellorar o illamento e acometer diferentes traballos de reparación. Asemade, contémplase a renovación das caldeiras de calefacción, do saneamento e ventilación do soto e a instalación de novos sistemas de seguridade contra incendios.

Xa por último, adaptaranse os aseos das plantas 1 e 3 para persoas con mobilidade reducida e instalarase unha soleira baixo o escenario do salón de actos.

Unha actuación que reforza o compromiso do Executivo galego na mellora estrutural dos centros educativos de Vigo e da súa contorna, tal e como indicou a delegada territorial, quen destacou un investimento de case 12,5 millóns de euros este ano en obras. Lembrou, ademais, que Vigo é a cidade con maior investimento educativo de Galicia, máis de 25 millóns de euros desde 2009.

Segundo explicou Fernández-Tapias, esta intervención enmárcase no paquete de 13 actuacións que a Xunta está a licitar na área por importe de 7,2 millóns de euros, ao tempo no que indicou que os orzamentos autonómicos para 2022 recollen os 1,2 millóns de euros comprometidos para a anunciada reforma integral do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Asemade, detallou, recóllese unha partida específica de 150.000 euros para a redacción de tres proxectos de ampliación nos CIFP Manuel Antonio, CIFP Valentin Andrade e o IES de Navia. Respecto a este último centro, Fernández-Tapias, recordou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantense á espera de que o Concello de Vigo poña a disposición os terreos necesarios para a construción da que, dixo, será a grande obra en materia educativa na cidade nesta lexislatura.

Por último, a delegada avanzou que este ano remátanse ou recíbense outras tres obras en centros da zona, por importe de máis de 1,5 millóns de euros, entre elas a rehabilitación integral do IES Santa Irene, as cubertas do instituto Castelao ou a ampliación do IES de Salvaterra de Miño.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.

O obxectivo é deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sostenibilidade.

20211021SanTomeFreixeiro



Comentarios