El BNG propone un Plan Municipal de Promoción de la Lectura en Vigo que incluya una red de bibliotecas en los barrios

|

  • A fronte nacionalista recorda que a última biblioteca pública inaugurada na cidade foi impulsada polo BNG en 2011, e desde aquela o Concello só abriu tres salas de lectura.
  • Solicita un mínimo de 20 bibliotecas municipais, para cumprir as recomendacións por organismos internacionais, comezando coa demandada pola veciñanza de Teis.
  • Xabier P. Igrexas: "A lectura é a porta de entrada á cultura e as bibliotecas son un potente instrumento para democratizar o acceso ao coñecemento das clases populares e traballadoras"







O Bloque Nacionalista Galego propuxo este martes a elaboración dun Plan Municipal de Promoción da Lectura en Vigo, que inclúa entre outras medidas a creación dunha rede de bibliotecas públicas nos barrios e parroquias. A fronte nacionalista vai instar o Goberno Municipal a posta en marcha deste plan cunha moción dirixida ao Pleno da cidade, previsto para este mércores 27 de outubro.

“Unha cidade como Vigo, de preto de 300 mil habitantes censados, debera dispor de unha biblioteca central, complementada de unha biblioteca de barrio por cada 15 mil habitantes, ou o que é o mesmo unha rede bibliotecaria que se despregase con como mínimo 20 bibliotecas”, demandou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tomando como base para as ratios necesarias as recomendacións de organismos internacionais como a Asociación Internacional de Bibliotecas (Intamel) ou a Face In A Book Club (FIAB).

"A lectura é a porta de entrada á cultura e as bibliotecas son un potente instrumento para democratizar o acceso ao coñecemento das clases populares e traballadoras", salientou Igrexas. Fixou como inicio deste plan a apertura dunha biblioteca municipal en Teis, demandada pola veciñanza, que se manifestou a pasada semana para esixir a súa execución no antigo ambulatorio do barrio, tras ser comprometida de forma reiterada polo Goberno de Abel Caballero.

Só dúas bibliotecas municipais

Nesta liña, Igrexas sinalou en rolda de prensa desde o Concello que a nosa cidade apenas conta na actualidade con dúas bibliotecas municipais, a Juan Compañel no Casco Vello e a biblioteca Neira Vilas no Calvario. Esta última, recordou, foi impulsada pola fronte nacionalista desde a concellaría de Cultura no ano 2011 e foi concibida como a primeira biblioteca dunha rede que se tería de estender polo barrios e parroquias.

“Infelizmente ese compromiso non se materializou desde entón”, criticou o concelleiro nacionalista na cidade, que subliñou que na última década o Concello de Vigo abriu só tres salas de lecturas, situadas na Casa do Patín en Bouzas, aula de estudo no Auditorio Mar de Vigo e sala de lectura en Navia. “Estes espazos, que se ben son úteis e necesarios para o estudo, malia seren presentados nalgún caso de maneira confusa como ‘sala de lectura-biblioteca’, non se poden cualificar como tales”, matizou Igrexas, unha valoración que parte das reiteradas reclamacións feitas ao Goberno Municipal pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza (Bamad).

“As bibliotecas non son salas de lectura. A sala de lectura é un dos servizos que pode ser dado polas bibliotecas pero non o único. Para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos e estes deben estar xestionados de maneira profesional por un persoal adecuado ao tamaño da biblioteca e ao número da poboación que debe atender”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo.

Sen medios nos barrios e parroquias

Igrexas afirmou que a cidade conta cun número significativo de espazo de lecturas e pequeñas bibliotecas, ubicadas en diferentes centros culturais e veciñais, mais que “non poden funcionar plenamente por causa de non dispoñeren as entidades dos medios materiais e humanos que permitan a súa dinamización”. Solicitou que se desenvolvan campañas e programas para a promoción da lectura, enfocadas á mocidade e o ámbito escolar, con especial atención á literatura en lingua galega.

O portavoz nacionalista enfatizou a importancia do sector en Vigo, con figuras destacadas no ámbito da creación literaria e con importantes referencias na edición e distribución de libros. “Cómpre que o Concello de Vigo despregue esforzos adicionais para axudar ao desenvolvemento desas potencialidades creativas, referenciando a cidade no ámbito literario e editorial”, solicitou.

Nese sentido, o BNG de Vigo proporá na moción ao Pleno municipal unha serie de medidas para impulsar estes obxectivos, como a posta en marcha da ‘Semana da Literatura de Vigo’.

Ademais, pediu potenciar a colaboración institucional coas feiras do libro e do libro antigo así como medidas para apoiar tanto aos clubes de lectura dos barrios e parroquias como ao propio sector editorial e librarías da cidade.

Comentarios